As últimas execucións da ditadura franquista: 50 anos. Feitos. Testemuños. Memoria

HISTAGRA co-organiza a Xornada As últimas execucións da ditadura franquista: 50 anos. Feiros. Testemuños. Memoria
O próximo sábado 27 de setembro cúmprense os 50 anos das últimas execucións do franquismo. Por este motivo, o Grupo HISTAGRA e o comisionado para a Celebración de los 50 años de España en libertad organizan unha xornada baixo o título: As últimas execucións da ditadura franquista: 50 anos. Feiros. Testemuños. Memoria, un encontro entre diversos especialistas que terá lugar no Paraninfo da Universidade ás 17:00 e a proxección de dúas películas no cine NUMAX.
O 27 de setembro de 1975, apenas dous meses antes da morte do ditador Francisco Franco, foron fusilados en Hoyo de Manzanares (Madrid), Barcelona e Burgos, cinco militantes do FRAP e de ETA, condenados en consellos de guerra sumarísimos. Tratábase de José Humberto Baena, José Luis Sánchez Bravo e Ramón García Sanz (membros do FRAP) e Jon Paredes Manot “Txiki” e Ángel Otaegui (integrantes de ETA político-militar), cuxas mortes provocaron unha forte condena internacional e puxeron de manifesto o illamento do réxime nos seus últimos días. Entre os executados atopábanse dous galegos, ambos os oriúndos de Vigo: José Luis Sánchez Bravo e José Humberto Baena, que foi estudante de Filosofía e Letras na USC.
A xornada comeza ás 17:00 horas no Paraninfo da USC cunha mesa redonda na que interveñen a avogada Magda Oranich, avogada e xornalista, defensora de Jon Paredes “Txiki”, un dos fusilados; o historiador Ismael Saz, catedrático de Historia Contemporánea da Universitat de València; e o xornalista do País Jesús Rodríguez. A sesión está moderada por Carmina Gustrán, comisionada para a conmemoración dos 50 anos de España en liberdade. A partir das 19:00 horas, o cinema NUMAX acolle a segunda parte do programa, coa proxección de dous filmes que documentan aqueles feitos e o seu contexto histórico. Exhíbese en primeiro lugar Expediente (Manuel R. Coroado e Carlos Rodríguez, 1977), unha curtametraxe premiada no Festival de Cinema de San Sebastián en 1977. A continuación, proxéctase Setembro do 75 ( Adolfo Dufou, 2009), centrado na loita da familia de José Humberto Baena por reivindicar a súa inocencia e preservar a súa memoria. Tras as proxeccións terá lugar un diálogo co público.
Máis información:
https://espanaenlibertad.gob.es/agenda/septiembre-2025/las-ultimas-ejecuciones-de-la-dictadura-franquista-50-anos-hechos