Liñas de investigación
HISTAGRA: Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX configurouse como Grupo de Investigación do Sistema Universitario Galego (SUG), en 2006, como resultado da reintegración dos Grupos de Investigación preexistentes: "Política e mundo rural" (co Profesor Dr. Ramón Villares como Investigador Principal) e "Historia Agraria Contemporánea: Tecnología, Sociedad e Historia", do que o Investigador Principal era o Profesor Lourenzo Fernández Prieto (actual IP de HISTAGRA). Ambos Grupos de Investigación estaban adscritos ao Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela (USC). De feito, derivaban dunha mesma estrutura de investigación no ámbito da Historia Agraria creada a comenzo da década de 1980 polo propio Profesor Ramón Villares, e que desenvolveu un intenso e pioneiro cometido de investigación nos terreos da Historia Agraria, Política e Social do mundo rural galego e español durante vintecinco anos, convertendo as súas publicacións sobre temas como a reforma agraria liberal, a evolución histórica do monte, o cambio tecnolóxico na agricultura ou o proceso de construción da sociedade civil rural, en traballos de referencia para a historiografía agraria española das últimas tres décadas, conseguindo á súa un notable impacto no exterior, en países como Portugal, Italia, Francia, Arxentina ou Costa Rica.
En 2006 HISTAGRA obtivo da Xunta de Galicia o recoñecemento como Grupo de Referencia Competitiva (GRC), un dos poucos existentes dentro da gran área das Humanidades a nivel galego. Esta condición, restrinxida a día de hoxe a 25 Grupos de Investigación do SUG, foi renovada polo Grupo en 2010, 2013, 2017 e 2021.
Na actualidade, está composto por un total de 31 investigadores/as, dos que 18 son doutores/as, 13 investigadores/as en formación e 1 Persoal de Apoio xunto a 20 colaboradores externos ex doutorandos do Grupo. O Grupo conta con 5 bolsas predoutorais (dos programas estatais FPI e FPU e da Xunta de Galicia) e 3 contratados posdoutorais (programa da Xunta de Galicia). HISTAGRA coordina a Rede ReVolta de Agroecoloxía e Historia desde 2010.
As investigacións desenvolvidas por HISTAGRA organizanse en catro liñas de investigación principais, cos seus correspondentes subcampos temáticos:
1: Historia Ambiental e Historia Forestal
Paisaxes, agroecoloxía e manexos do territorio e a enerxía, na historia das sociedades rurais contemporáneas
Cambio tecnolóxico e sistemas de innovación: agricultura orgánica, revolución verde e sustentabilidade.
2: O cambio tecnolóxico na agricultura
Transformacións na agricultura atlántica de pequena explotación: propiedade, política agraria e medio ambiente
Cambio tecnolóxico e sistemas de innovación: Agricultura orgánica, revolución verde e sustentabilidade
3: O mundo rural: do liberalismo a 1939
Construción da cidadanía e democratización no mundo rural contemporáneo
Clientelismo político, liberalismo e democracia
4: Guerra, franquismo, transición e memoria
O mundo rural no período franquista: política, economía e cambio social
Historia e memoria do S. XX. Políticas da memoria
En todos os campos introdúcese como eixe transversal un enfoque de xénero, en relación cos roles na produción, o mercado e a mobilización social e política. Na procura de indagar o papel da muller, agochado nas fontes e na historia.
En 2011 constituíuse formalmente, por iniciativa de HISTAGRA e co o recoñecemento administrativo e a financiación da Xunta de Galicia, unha Rede de Investigación transdisciplinar (ReVolta) composta, ademais de polo noso Grupo, por Grupos de Investigación das Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo, pertencentes a disciplinas como a Economía Ecolóxica (GIEEAH - UdV); a Enxeñería Agronómica (TE-BIO, COSMERUM, AGRONOMÍA- USC), a economía aplicada (ECOAGRASOC-USC) a Acción Cultural (GALABRA-USC) e a Historia Económica (GESPIC - USC). Esta rede ten sido renovada para o período 2014-2015 e o 2017- 2019.