Políticas públicas de vivenda e actitudes sociais da poboación en España: Unha visión a longo prazo (1900 – 1990)

Proxectos de Investigación

Consolidación e estruturación 2017 MODALIDADE D (EXCELENCIA)
Título: Políticas públicas de vivenda e actitudes sociais da poboación en España: Unha visión a longo prazo (1900 – 1990)
IP: Daniel Lanero Táboas
Orzamento: 52.480.48 Euros
Duración: 2017-2019

 

Resumo:

O principal obxectivo deste proxecto de investigación é estudar e interpretar historicamente as políticas oficiais de vivenda postas en práctica en España durante o século XX.

Aínda que a amplitude do obxecto de estudo posibilita un achegamento dende disciplinas moi diversas (Arquitectura, Historia da Arte, Historia do Urbanismo, Historia Económica, Socioloxía, etc.) a nosa aproximación será principalmente histórica, fundamentarase, máis en concreto, nos presupostos teóricos, conceptuais e metodolóxicos da Historia Social e da Historia Política, sen por iso desatender (máis ben ao contrario) achegas complementarias de interese procedentes de varias de entre as disciplinas mencionadas, en especial da Historia do Urbanismo e da Arquitectura.

A efectos da súa análise, o período de estudo (1900 – 1990) dividirase en tres etapas cronolóxicas: a) 1900 – 1936; b) 1936 – 1975; c) 1975 – 1990. Esta periodización é coherente coas grandes liñas da evolución política, social e económica de España no século XX, que pola súa parte tiveron consecuencias directas sobre a filosofía, deseño e obxectivos das sucesivas políticas públicas de vivenda implantadas.

O espazo urbano será o ámbito predominante para o desenvolvemento do estudo. Porén, empregaremos ao noso favor as dificultades e controversias existentes na definición do que no caso español os especialistas entenden por “poboación urbana”, e optaremos por traballar con poboacións (vilas, pobos e cidades) a partir de 2.000 habitantes. Utilizar este criterio, e flexibilizar a identificación dos contextos urbanos coas actividades económicas industriais e terciarias, permitiranos incluír na nosa análise  casos como os das “agrocidades” ou os poboados de colonización, que presentan un evidente interese dende o punto de vista dalgúns dos nosos obxectivos de investigación.