Juan Rof Codina (1874-1967), un científico de cando os veterinarios aprendían dos labregos

Fernández Prieto, L. (2022): "Juan Rof Codina (1874-1967), un científico de cando os veterinarios aprendían dos labregos", Grial, nº 236, p. 67-73

Como científico galego do ano 2022, a biografía de Rof Codina fíxose coñecida en todos os seus detalles familiares, cronolóxicos e profesionais. Os seus datos biográficos xa están á disposición do público en múltiples publicacións, na Grande Enciclopedia Galega, no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega e, con todo o esmero e detalle, nos traballos de Diego Conde (Conde, 2008: 117-123; 2014a; 2014b: 281-292; 2015; 2022: 19-35). Este texto centrarase en destilar as lóxicas sociopolíticas e as prácticas profesionais que construíron esta biografía no seu contexto histórico, aquelas que hoxe poden ter máis significado e que máis nos poden inspirar.