HISTAGRA coordina a exhumación da fosa de San Salvador de Trasanquelos, Oza-Cesuras

Exhumación da fosa da violencia franquista de San Salvador de Trasanquelos, Oza-Cesuras

 

Esta semana, leváronse a cabo traballos de exhumación na fosa de San Salvador de Trasanquelos (Oza-Cesuras), como parte das actuacións do Plan de Memoria Democrática de Galicia 2021-2024. Buscamos a Juan Torreiro Seoane, veciño de Bergondo, e a Rafael Fernández Casas, veciño de Sada, que foron asasinados tralo golpe de estado franquista o 20 de agosto de 1936. Foron inscritos como “descoñecidos” no rexistro civil de defuncións de Cesuras, ata que, nos anos corenta e cincuenta, recoñeceron, burocraticamente, a súa identidade. 

 

O lugar do asasinato sitúase moi preto, nas inmediacións dunha antiga canteira no Alto do Murallón, e posteriormente, trasladaron os seus corpos ao cemiterio, onde os inhumaron, xuntos, un día despois. 

 

 

A colaboración dos veciños do lugar e dos familiares das vítimas foi clave para concretar, en gran medida, xunto cos resultados do xeorradar, a posible localización da fosa. Actualmente, atopamos dous cranios con indicios de morte violenta que serán trasladados ao laboratorio para a análise forense e xenética.

 

https://nomesevoces.net/lugares/cartografia/fosas/92/fosa-do-cemiterio-de-san-salvador-de-trasnquelos-2