Plan de Memoria Democrática de Galicia 2022

Ponse en funcionamento o Plan de Memoria Democrática de Galicia para o 2022

 

Ven de asinarse, o pasado 28 de setembro o Plan de Memoria Democrática de Galicia para o ano 2022, entre a Vicepresidencia segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago para a realización das actuacións dentro do Plan Cuadrienal 2021/2024 de Memoria Democrática de Galicia 2022.

 

Este Plan cuadrienal integra tres liñas estratéxicas fundamentais das políticas públicas de Memoria Democrática que se pretenden desenvolver ao longo do período (2021-2024), aínda que os seus obxectivos sexan revisables de forma anual. Estas liñas estratéxicas son:

  • Localización, exhumación e identificación de vítimas.
  • Divulgación de traballos efectuados e resultados conseguidos.
  • Recoñecemento e sinalización dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria.

 

O custo total das actuacións que se levarán a cabo en 2022 dentro destas liñas estratéxicas pola Comunidade Galega ascende a110.351 €.

 

As tarefas para 2022 son:

 

Exhumación da fosa de Vilacova (Lousame, A Coruña): Esta fosa presenta dous corpos, un deles identificado como Manuel García Hermo, natural de A Pobra do Caramiñal e veciño de Ribeira

 

Exhumación da fosa de A Capela (A Coruña): Trátase dunha fosa con tres corpos, dos que todos están identificados: Joaquín Antón Rodeiro, Manuel Franco Bermúdez e Francisco Guerreiro Guerreiro, naturais de As Pontes de García Rodríguez.

 

Exhumación da fosa de Celanova: Trátase dunha fosa común con sete persoas, naturais de Asturias, xulgadas en Camposancos e executadas en Celanova. Foron enterradas nunha fosa comúun no cemiterio parroquial. Trátase de Baldomero Vigil Escalera Vallejo, Marcelino Fernández García, Guillermo de Diego Álvarez, Alfonso Moreno Gayol, Abelardo Suárez del Busto, Belarmino Álvarez García, e Mariano Blanco González.

 

 

Nas diferentes tarefas a realizar colaboran o grupo HISTAGRA, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, o grupo SÍNCRISIS, do que forma parte, como coordinador do equipo de arqueólogos, o profesor José Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense, Fernando Serrulla, do IMELGA, e o equipo do xenetista Ánxel Carracedo, que se ocupará do cotexo xenético con aqueles familiares dos asasinados que desexen que se leve a cabo. Os traballos arqueolóxicos están levados a cabo por Tempos Arqueólogos. As tarefas de exhumación que se detallan son as autorizadas polo Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática.

 

Para calquera información, pode porse en contacto con nós en histagra@usc.es ou no teléfono 686232856.

 

 

Mañá martes día 22 de novembro levarase a cabo a primeira das intervencións, no Cemiterio Veciñal de A Capela.

O mércores 23 de novembro comezarase coas intervencións en Celanova e Lousame