Membros de HISTAGRA acadan bolsas de investigación da Deputación da Coruña

Membros de HISTAGRA acadan bolsas de investigación da Deputación da Coruña

 

A investigadora de HISTAGRA Aldara Cidrás e o colaborador do Grupo Rafael García, veñen de ser recoñecidos pola deputación da Coruña con sendas bolsas de investigación en historia en 2022.

 

Aldara Cidrás presentou a proposta:

 

Título: O casco histórico de Santiago de Compostela a través do seu patrimonio (etno)gráfico: mapeo, arquivo e conservación da carteleiría tradicional da cidade

Duración: Un ano

Contía: 10.000€

Breve resumo: O presente proxecto busca estudar a emblemática carteleiría tradicional da zona monumental compostelá, que conforma un universo iconográfico de características únicas, cuñando o concepto de patrimonio (etno)gráfico para referirnos a ela e destacar o seu valor como elemento identitario. Nos últimos anos vimos asistindo ao xurdimento de iniciativas e políticas de protección do patrimonio gráfico histórico, tanto dentro coma fóra de España; porén, actualmente non existen rexistros públicos nin medidas de sensibilización sobre a importancia destes bens culturais en Santiago. Cunha metodoloxía de traballo interdisciplinar, aproximarémonos ao obxecto de análise coma un fenómeno a coñecer alén do estético. O plan de investigación consistirá na contextualización documental da identidade gráfica compostelá e no estudo comparado con outras cidades, para proceder despois á dixitalización e catalogación da carteleiría tradicional, cartografando os seus núcleos de concentración como lugares de memoria dun pasado aínda presente mais ameazado no futuro. A fin última será a de invitar ás veciñas e veciños a redescubrir o seu patrimonio, concienciar ás institucións da importancia da súa conservación, incentivar á recuperación desta rotulación tradicional entre o comercio local e animar á reflexión sobre a necesidade dunha forma de turismo sostible, máis amable co noso.

 

Rafael García presentou a proposta:

 

Título: Outubro de 1934 en Compostela. Mobilización, consecuencias políticas e represión

Duración: 1 ano

Contía: 10.000€

Breve resumo: A investigación proposta está centrada nos seguintes obxectivos de estudo: 1. Estudo da mobilización en Santiago de Compostela con motivo da tentativa revolucionaria de outubro de 1934; 2. Estudo das implicacións e consecuencias políticas que tivo a nivel local e os cambios que suscitou esa implicación; 3. Estudo dos mecanismos legais empregados polas autoridades para facer fronte á situación e 4. Estudo dos diferentes procesos militares abertos ao abeiro do estado de guerra, así como das consecuencias que tiveron para os encartados.