Conclusións do seminario 'Transicións socio-ecolóxicas na agricultura: unha análise comparada entre Europa e América' da Rede ReVolta

O pasado fin de semana a Red ReVolta celebraba o seminario Transicións socio-ecolóxicas na agricultura: unha análise comparada entre Europa e América, na Casa Europa, en Compostela.

O seminario tiña como obxectivo fundamental o de poñer en coñecemento dos grupos compoñentes da rede ReVOLTA os últimos avances na investigación sobre transicións socio-ecolóxicas en España e o estranxeiro. A experiencia dos investigadores convidados permitiu coñecer estes avances de primeira man: as etapas das transicións, os seus determinantes, os axentes implicados, o marco institucional. O enfoque novidoso da aproximación socio-ecolóxica ós cambios dos sistemas agrícolas combina os métodos e fontes habituais da Historia con conceptos tradicionalmente alleos e procedentes da química, física ou edafoloxía, como os ciclos de nutrientes no solo, o balance de carbono, ou o concepto de "metabolismo". Así, fíxose patente durante o seminario que os convidados como os grupos de investigación integrantes da rede falan unha linguaxe común, incluso aqueles que proceden do campo das ensinanzas técnicas e enxeñería. Resulta, polo tanto, un campo de colaboración fértil dado que os intereses e as metodoloxías empregadas son complementarias.

Do debate orixinado en torno ás ponencias realizadas, destacouse o feito de que existe un desequilibrio entre a dispoñibilidade de datos e a súa escala, de xeito que para o século XIX se dispón de fontes locais de grande riqueza pero cunha limitación obvia desde o punto de vista da xeneralización das conclusións, mentres que en períodos posteriores se dispón a miúdo de datos estatísticos xerais pero sen desagregación espacial. Isto presenta importantes desafíos para a investigación, dado que é evidente que existiron diferencias nos procesos seguidos polos sistemas agrarios de distintas áreas xeográficas, por exemplo dentro da propia Península Ibérica. Unha aproximación multiescala (desde a escala de cultivo á de parcela, agroecosistema, nacional e global) tamén é imprescindible para capturar a complexidade das transicións ocorridas.

Por outra parte, o coñecemento xerado por este tipo de aproximación ten unha grande relevancia para o presente e o futuro, pois o conxunto dos asistentes estivo de acordo en afirmar que estamos ás portas dunha cuarta transición socio-metabólica que tería como punto central a volta ós sistemas de cultivo menos dependentes dos insumos de orixe industrial, ben sexa como un proceso paulatino (por exemplo, o 6% da superficie agrícola utilizada de España e o 20% da de Andalucía está actualmente dedicada á produción ecolóxica) ou relativamente traumático (como foi o caso do sistema produtivo cubano no chamado "período especial" da década de 1990). Asumir a lóxica desta transición require unha mudanza no deseño institucional para garantir o futuro sostible, definindo e adecuando os custes territoriais e enerxéticos.

Confiamos en que o seminario servira para verificar as similitudes que existen entre as liñas de investigación dos diferentes grupos asistentes e convidados, e para reforzar a colaboración no futuro.

Documentos