Exhumación da Fosa de Filgueira (Crecente)

O Equipo interdisciplinar da USC encargado de levar adiante o Plan Cuatrienal de Memoria Democrática actuará en Filgueira (Crecente)

 

Mañá mércores darán comezo os traballos de exhumación da fosa do cemiterio de San Pedro de Filgueira (Crecente), por parte do equipo interdisciplinar da USC que está a levar adiante o Plan Cuatrienal de Memoria Democrática en Galicia. O equipo, formado polos historiadores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho, o arqueólogo José carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense, Fernando Serrulla Rech e o xenetista, Ángel carracedo Álvarez, afrontan a partir de mañá e durante unha semana, os traballos de investigación e exhumación da fosa.

 

Búscase o corpo de César Alberte Domínguez, natural de Arnoia (Ourense), onde traballaba como carpinteiro, sendo concelleiro en 1936. Segundo a memoria familiar e a pouca documentación existe, foi sacado da súa casa en Oliveira-Arnoia e asasinado na Ponte de Castrelo de Miño. Non hai rexistro civil de defuncións; sen embargo, consérvase a denuncia contra os supostos asasinos que interpuxo un tio seu, que é de onde se pode certificar a súa morte.

 

Amais deste enterramento irregular, en Filgueira atópanse, segundo os datos de nomesevoces.net, dúas fosas individuais na beira do río Miño que, por mor da construción do embalse de Freira é imposible a súa exhumación. Trataríase de dous cadáveres aparecidos  no río en 1936 e 1937. Segundo o rexistro civil do concello, aparecen como descoñecidos e coa seguinte descrición: "Home duns corenta anos. A morte está datada un mes antes da súa aparición o día 12/10/1936. Viste chaqueta azul con trabilla nas costas, pantalón castaño con raias de puntos brancos, camisa a raias azuis, calzoncillos brancos, calcetins a raias moradas" e o outro, "Home duns trinta anos, datada a morte uns dous meses antes de ser atopado o  30/11/1937. Estado de descomposición moi avanzado, desaparecidas partes do corpo só no pé dereiro tiña un zapato de coiro negro abrochado con cordóns de coiro".

 

Os traballos en Filgueira prolongaranse durante a semana que ven, dando así por rematadas as actuacións deste ano ao abeiro do convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.