Exhumación fosa común de Rubiáns (Vilagarcía)

Exhumación fosa común do cemiterio de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa)

 

Hoxe mércores 3 de novembro deu comezo o proceso de escavación da fosa común no cemiterio de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), que ten como obxectivo achar e identificar os restos de 18 persoas vítimas da violencia desencadeada após do golpe de Estado de xullo de 1936. Nas diferentes tarefas a realizar colaboran o grupo HISTAGRA, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, e o grupo SÍNCRISIS, do que forma parte, como coordinador do equipo de arqueólogos, o profesor José Carlos Sánchez Pardo; o equipo de traballo complétano o antropólogo forense, Fernando Serrulla, do IMELGA, e o equipo do xenetista Ánxel Carracedo, que se ocupará do cotexo xenético con aqueles familiares dos asasinados que desexen que se leve a cabo. Os traballos arqueolóxicos están levados a cabo por Tempos Arqueólogos.

 

Os primeiros traballos sobre o terreo coa colaboración do concello de Vilagarcía de Arousa e do seu persoal, encargado das tarefas para dar inicio á escavación; tamén co traballo previo da asociación do Faiado da Memoria para a recuperación da memoria das vítimas, mantendo o contacto cos familiares dos asasinados, realizando unha grande cantidade de entrevistas e dignificando a memoria dos falecidos.

 

Tras unha primeira xornada na que se levaron a cabo as primeiras catas no espazo da fosa común, os traballos continuarán durante os vindeiros días, á espera de que os restos dos falecidos sexan achados para a súa identificación, dignificación e entrega ás familias.

 

Para calquera información, pode porse en contacto con nós en histagra@usc.es ou no teléfono 686232856