HISTAGRA pon en Marcha Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia

HISTAGRA pon en Marcha Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2021

 

O pasado mes de agosto, a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Universidade de Santiago de Compostela, asinaron un convenio de colaboración para poñer en marcha en Galicia o Plan Cuatrienal de Memoria Democrática, seguindo o impulso da Secretaría de Estado de Memoria Democrática

 

HISTAGRA, coa experiencia adquirida desde 2006 cando puxo en marcha o proxecto nomesevoces.net, levará a cabo unha profunda investigación e posta ao día do mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de asasinados/as pola violencia franquista.

 

O Grupo Histagra levou a cabo o proxecto de investigación "Nomes e Voces", que naceu ao abeiro dos traballos que se realizaron ao redor do Ano da Memoria en 2006 e que estivo en funcionamento até 2012, promovido pola Xunta de Galicia. Neste proxecto estudouse a violencia franquista durante a Guerra Civil e a ditadura, e ofreceuse á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou da súa posición favorable á democracia republicana. Esta tarefa abordouse desde a perspectiva da investigación histórica, como parte do interese dos especialistas polo tema da Guerra Civil e da represión.

 

Este Plan cuadrienal integra tres liñas estratéxicas fundamentais das políticas públicas de Memoria Democrática que se pretenden desenvolver ao longo do período (2021-2024), aínda que os seus obxectivos sexan revisables de forma anual. Estas liñas estratéxicas son:


- Localización, exhumación das fosas e identificación de vítimas.


- Divulgación de traballos efectuados e resultados conseguidos.


- Dignificación dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria

 

Por parte da USC, a través do Grupo Histagra, o Catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e o Doutor en Historia e profesor Antonio Miguez Macho, coordinan un equipo de investigación que desenvolverá os traballos en tres fases, definidas polas seguintes actuacións:


- Actualización dos datos sobre fosas, documentación e localización.
- Investigacións preliminares e informe final: documentación, coñecemento, entrevistas, arquivos e intervención arqueolóxica.
- Investigación forense dos restos humanos IMELGA.
- Análise xenética a cargo do Grupo de Medicina Xenómica da USC


As tarefas a realizar en 2021 serán as seguintes:

 

- Realización da exhumación e identificación, se fose posible das fosas no Concello de Crecente, provincia de Pontevedra. 

 

- Realización da exhumación e identificación, se fose posible da fosa de Vilagarcía de Arousa.


- Traballo de investigación e análise de restos no Concello de Aranga, provincia de A Coruña.


- Dignificacións dos lugares mediante a realización dun protocolo

 

O equipo que desenvolverá os traballos esta formado por:

 

O Catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto, que é o coordinador académico e científico do convenio

 

O arqueólogo e profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo

 

O Médico Forense do IMELGA, Fernando Serrulla Rech

 

O Catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética da USC, Ángel Carracedo Álvarez

 

De novo, a axuda e a presenza da sociedade civil de Galicia, a través das asociacións de memoria democrática -para Vilagarcía de Arousa a colaboración por parte de O Faiado da Memoria- , investigadores locais e familiares de asasindos/as, convértese nun piar fundamental da investigación, de igual xeito que foi para a boa marcha de nomesevoces.net. 

 

O contacto cos axentes sociais, é imprescindible, e facemos un chamamento a todos/as aueles/as que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como aportar datos relativas ás mesmas.

 

Contacto:

 

histagra@usc.es

 

881812734