HISTAGRA presente na carta aberta á Comisión Europea a raíz do informe 'Farmers of the Future’

Académicos e investigadores envían unha carta aberta á Comisión Europea a raíz do informe 'Farmers of the Future’, en relación co futuro da agricultura na UE 

 

Arredor de cincuenta académicos e investigadores de diversas universidades europeas asinan unha carta aberta dirixida á Comisión Europea en relación co seu informe ‘Farmers of the Future’. O devandito informe está encadrado na estratexia Farm to Fork (“Da Granxa á Mesa”), un asunto central do Pacto Verde Europeo, polo que a súa discusión é da maior relevancia.

 

Os asinantes da carta, todos eles vinculados co estudo da agricultura e do mundo rural, aplauden o interese da Comisión en traballar nesta dirección, pero critican o sentido dun texto que non responde á riqueza e á heteroxeneidade deste sector no ámbito europeo, e que tampouco ofrece evidencias científicas sobre as que construír as políticas do futuro na lóxica da agricultura sustentable.

Coa intención de responder á pregunta: “Quen serán os actores principais da agricultura do futuro?” o informe ‘Farmers of the Future’, elaborado polo JRC (Centro Común de Investigación) da Comisión Europea, presenta doce perfís distintos cos que tenta categorizar a agricultura europea de 2040. A maioría deles céntranse en novas prácticas agrícolas, pouco relevantes en canto á produción de alimentos, ou nas solucións high-tech, sen prestar neste aspecto a atención debida á crise climática. A inmensa maioría das explotacións familiares que existen na UE fican relegadas aos dous restantes, que en boa medida son descritos de forma pexorativa con expresións como as que seguen: “non conseguen ver alternativas viables”, “evitan tomar decisións” ou “só implementan mudanzas cando son forzados a facelo”. Esta caricaturización non responde ao valor do coñecemento que manexan nin á resiliencia das súas prácticas, caracterizadas pola produción con baixos custes e insumos externos e cun uso reducido de enerxías fósiles en comparación co resto de produtores. O texto tamén obvia a transición “silenciosa” cara á agroecoloxía que moitas destas explotacións están a impulsar.

 

Na carta tamén se solicita aos distintos actores involucrados na toma de decisións que inclúan á Coordinadora Europea - Vía Campesina nos procesos de debate e consulta acerca do futuro da agricultura na UE.

 

Entre os asinantes da carta, accesible aquí, encóntrase o IP do Grupo de Investigación Histagra (USC), 

Lourenzo Fernández Prieto.

 

Máis información:

 

Grupo HISTAGRA. Departamento de Historia

Facultade de Xeografía e Historia

Praza da universidade, 1. 15782 Santiago de Compostela

T. 881812734. histagra@usc.es

Documentos