Un proxecto de HISTAGRA seleccionado para un Encontro do Ministerio de Cultura

O Programa de Estudos en Man Común Feminismos, Ruralidades e Comúns (PEMAN) impulsado polo grupo de investigación HISTAGRA e coordinado polo Colectivo Montenoso e no que participan diversos colectivos e institucións, foi seleccionado para participar no III Encuentro Cultura y Ciudadanía organizado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.

O PEMAN é un espazo de pensamento experimental que ten como obxectos de estudos os comúns, as ruralidades e os feminismos e procura adaptar os mecanismos de xestión e gobernanza dos montes veciñais en man común a un programa de estudos. Ao longo do 2016 e 2017 foronse sucedendo diversos encontros e xornadas de traballo que están documentadas na propia web do proxecto

A participación do PEMAN neste encontro acredita a aposta do grupo de investigación en tecer espazos de intercambio de coñecementos entre a universidade e a sociedade civil, así como a procura dunha innovación constante coa mistura de coñecementos que proveñen de ámbitos como son a arte, a ciencia, a propia sociedade, etc.

O III Encuentro Cultura y Ciudadanía terá lugar o 28 e 29 de setembro no Matadero Madrid e abordará as diversas dimensións que, hoxe, implica o desfrute e exercizo da cultura, en térmos de acceso e produción. No encontro abordaranse cuestións como autonomía e democracia cultural ou o papel da cultura no espazo público. O PEMAN foi seleccionado canda outros 29 proxectos, nunha convocatoria na que se presentaron 147 propostas.

Para máis información: http://www.mecd.gob.es/cultura-mecd/areas-cultura/cooperacion/mc/encuentro-cultura-ciudadania/inicio.html

Documentos