Os profesores da USC Miguel Cabo e Antonio Míguez gañan o premio Domingo Fontán de investigación histórica

Os profesores Miguel Cabo Villaverde e Antonio Míguez Macho, do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC, resultaron os gañadores da segunda edición do Premio Domingo Fontán de investigación histórica polo traballo ‘A Cámara agrícola e pecuaria de Santiago (1903-1929): Un espazo de sociabilidade e de poder na Compostela da Restauración’.

Ambos os dous profesores son membros do Grupo HISTAGRA, dirixido polo Profesor Lourenzo Fernández Prieto desde o Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC.

Este galardón convócano con carácter bianual a Universidade de Santiago e a Real Sociedade Económica de Amigos do País (RSEAPS). O xurado, composto polo vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Victor Millet Schröder; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Manuel Monterroso Montero; o director do Departamento de Historia Económica da USC, Xoán Carmona Badia; e o presidente e secretario da RSEAPS, Juan B. de la Salle Barreiro Pérez e Fernando Barros Fornos, destaca o novidoso do tema da investigación gañadora (do que existe escasa documentación) que mostra as relacións clientelares e realiza unha análise da sociedade civil do momento. A boa utilización da bibliografía e das fontes, a súa estrutura e correcta metodoloxía e a posta en valor dos recursos da Sociedade Económica foron tamén aspectos determinantes polo comité avaliador para a concesión deste galardón académico.

Ademais o xurado fixo unha mención especial para a investigación ‘De la música académica al nacionalismo musical. La saga de músicos Courtier en Galicia’, de Beatriz Cancela Montes e Alberto Cancela Montes.

Noticias relacionadas:

Xornal USC

La Voz de Galicia