Inaugurase en Santiago a exposición "Santiago Álvarez Comunista..."

O Proxecto de Investigación, “Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960 – 1982)”, do que é Investigador Principal Daniel Lanero Táboas, membro de HISTAGRA, colabora coa Fundación 10 de Marzo de CCOO de Galicia na organización da Exposición Santiago Álvarez, comunista...
A mostra, que se inaugura este vindeiro xoves día 24 de xaneiro ás 12h na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, poderase visitar en esta mesma ubicación até o 21 de febreiro, en horario de 8h30’ a 21h (de luns a venres) e de 10h a 14h os sábados.
Como complemento desta actividade, a Fundación 10 de Marzo e o Proxecto de Investigación “Mobilización política…” organizarán o día 19 de febreiro ás 19h30’ no salón de actos da propia Biblioteca unha Mesa redonda baixo o título: Santiago Álvarez e o programa agrario do Partido Comunista de España, na que participarán Manuel Peña Rey, dirixente histórico do Partido Comunista de Galicia (PCG); Víctor M. Santidrián Arias, historiador especializado na historia do PCE; Ricardo Gurriarán, en representación da Fundación 10M e Daniel Lanero Táboas, historiador do Depto de Historia Contemporánea e de América da USC.
O Proxecto “Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960 – 1982)” é unha das varias estruturas de investigación integradas no Grupo de Referencia Competitiva HISTAGRA. Cinco dos membros deste proxecto autonómico – Ana Cabana, Alba Díaz, Araceli Freire, Antonio Míguez e Daniel Lanero – son simultaneamente membros de HISTAGRA. A difusión social dos seus resultados de investigación e a colaboración con outras instancias da sociedade civil é un dos principais propósitos do noso Proxecto. É en este marco no que se insire a presente acción.