Histagra organiza un segundo seminario de debate co Profesor Paul Brassley

Hoxe xoves día 29, ás 9:30h. na Aula de Máster do Departamento de Historia Contemporánea e de América, HISTAGRA celebra un segundo seminario de debate co Prof. Paul Brassley (University of Exeter/HISTAGRA) a partir do seu recente traballo (2012): European agriculture since World War II: technical change in south - west England, 1940 - 1985.
Paul Brassley
Paul Brassley acadou o seu Bachelor of Science (BSc) en agricultura e economía agraria na Universidade de Newcastle upon Tyne. A continuación trasladouse á Escola de Historia Moderna da Universidade de Oxford, onde, baixo a supervisión da Dra. Joan Thirsk, escribiu unha tesiña sobre a economía agraria do Noroeste de Inglaterra no período 1640 – 1750 coa que obtivo o título de Bachelor Literate (1974). Este traballo foi posteriormente publicado (1985) na colección de Historia Económica Británica Moderna por Garland Press, conformando tamén a base do que sería o Volume V da Historia Agraria de Inglaterra e Gales. No ano 1974 foi nomeado lectureship en Economía Agraria no Seale – Hayne College de Devon, que máis adiante pasou a formar parte da Universidade de Plymouth. Entre 2004 e 2009 foi lecturer en Historia e Política Rurais na Escola de Xeografía da mesma Universidade. O seu mestrado tense centrado na Economía Agraria e as Políticas Rurais, o que quedou reflectido na publicación do seu manual A Economía Agraria e a PAC: unha introducción (Blackwell, 1997).
A súa investigación, coa excepción de algúns traballos sobre a importancia dos cambios efímeros na percepción da paisaxe, ten estado adicada á Historia Rural. Máis aló da edición académica dos Cadernos de Crakanthorp (de finais do século XVII), o seu traballo estivo focalizado sobre o final do século XIX e o século XX. Foi un dos principais autores do Volume VII da Historia Agraria de Inglaterra e Gales (Cambridge University Press, 2000), con capítulos sobre ciencia agronómica, educación e diferentes aspectos da tecnoloxía agraria. Este material, xunto con varios artigos sobre ciencia agronómica e tecnoloxía nos séculos XIX e XX, constituiu a base do seu doutoramento, premiado pola Universidade de Plymouth en 2001. É un dos fundadores do Grupo de Investigación en Historia Rural do período de Entreguerras, e un dos editores da súa primeira publicación: O campo inglés ente as guerras: rexeneración ou decadencia? (Boydell and Brewer, 2006). Nos derradeiros anos, gran parte do seu traballo estivo relacionado coa historia de diversos aspectos da produción agraria e do cambio tecnolóxico.
Ten traballado con varios Grupos de investigación internacionais, incluíndo o Grupo de investigación belga vencellado ó programa CORN para a investigación da Historia Rural da área do Mar do Norte, o Programa COST/Progressore da European Sciencie Foundation e o referido Grupo de Investigación da Historia Rural de Entreguerras. Editou recentemente, con colegas da Universidade de Lovaina unha colección de ensaios sobre a Europa rural nos anos arredor da Segunda Guerra Mundial: Brassley, P.; Segers, Y. e Van Molle, L. (eds.), 2012: Guerra, Agricultura e Alimentación: a Europa rural entre os anos 30 e 50 (Routledge), na que participou cun artigo sobre o comercio agrícola internacional. Na actualidade é Senior Research Fellow na Universidade de Exeter nun proxecto de investigación con financiamento da ESRC centrado no cambio tecnolóxico na agricultura británica entre 1935 e 1985. Formou parte durante moitos anos do Comité Executivo da Sociedade Británica de Historia Agraria (BHAS) da que foi presidente entre 2005 e 2009.