Traballo na fosa da Violencia franquista en Serantes (Ferrol)

Traballo na fosa da Violencia franquista en Serantes (Ferrol)

 

Entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro desenvólvese en Serantes (Ferrol) unha cata arqueolóxica coordinada polo grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao CISPAC, que ten como obxectivo determinar a localización e o estado dunha das fosas da violencia franquista rexistradas no cemiterio.

De acordo co estudo histórico previo, realizado pola investigadora Lucía Santiago e que contou coa colaboración de familiares das vítimas, entre os anos 1936 e 1942 foron enterradas en varias fosas do cemiterio de Serantes como mínimo 197 persoas, a maior parte durante os meses que seguiron o golpe de Estado. Os datos sitúan este espazo entre os lugares de Galicia que albergan un maior número de enterramentos de vítimas da violencia franquista. Os seus nomes poden ser consultados no apartado da fosa do cemiterio de Serantes da páxina web de Nomes e Voces (https://nomesevoces.net/gl/lugares/cartografia/fosas/31/fosa-do-cemiterio-de-serantes).

 

Os resultados do estudo arqueolóxico, coordinado por José Carlos Sánchez Pardo (grupo AEVUM da USC e CISPAC) e que desenvolve en campo Tempos Arqueólogos, determinarán as seguintes fases de traballo. No caso de seren localizados restos óseos terá lugar a análise forense, coordinada por Edgard Camarós (grupo GEPN-AAT da USC e CISPAC), que permitirá confirmar se se rexistran signos de violencia compatibles co obxecto da investigación.

 

Marco do convenio e equipo de traballo

 

A intervención enmárcase no convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, con financiamento procedente do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que prevé a investigación histórica, arqueolóxica e forense do cemiterio de Serantes (Ferrol), así como dos de Beira (Carral) e Boisaca (Santiago de Compostela).

Un equipo multidisciplinar da USC encárgase de desenvolver a investigación baixo a coordinación científica de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, membros do grupo de investigación Histagra (USC) e do CISPAC. Histagra ocúpase de desenvolver a análise histórica a través do traballo dos investigadores Xurxo Antelo e Lucía Santiago. O estudo arqueolóxico é coordinado por José Carlos Sánchez Pardo, membro do grupo de investigación AEVUM (USC) e do CISPAC, e conta coa empresa Tempos Arquéologos para o desenvolvemento dos traballos en campo. A análise de antropoloxía forense é coordinada polo investigador Edgard Camarós, membro do grupo GEPN-AAT (USC) e do CISPAC.