Nomesevoces galardonado co Premio de Crítica de Galicia Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades 2024

Nomesevoces galardonado co Premio de Crítica de Galicia Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades 2024

 

O sábado pasado o Proxecto de Investigación Interuniversitario nomesevoces.net foi galardonado co premio da Crítica 2024 na categoría de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades. Ademais, o libro do investigador do Grupo Miguel Cabo Villaverde, Ese vento que vai sobor da terra. A vida desmedida de Basilio Álvarez foi outro dos finalistas.

 

O xurado da modalidade de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, formado por Miguel Anxo Bastos Boubeta, profesor de Ciencias Políticas da USC; Carlos Callón, profesor e escritor, gañador de 2023; Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da USC; Coral del Río Otero, catedrática de Economía Aplicada da UVigo; Jesús Salgado Velo, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC; María Dolores Sánchez Palomino, membro da RAG e catedrática de Filoloxía da UDC, e Inma Valeije Álvarez, profesora de Dereito Penal da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas Ese vento que vai sobor da terra. A vida desmedida de Basilio Álvarez, de Miguel Cabo Villaverde (Deputación de Ourense); Mulleres medievais: textos e imaxes na lírica galego- portuguesa, de Esther Corral Díaz/ Yara Frateschi Vieira (coords.; Edicións USC), e Proxecto Nomes e Voces, do Grupo de Investigación Histagra (USC), coordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto.

 

O xurado salientou que se trata dun estudo da represión en Galicia da guerra civil e o franquismo que recompila unha copiosa información e ofrece abundantes datos relativos as vítimas. Un proxecto de longa traxectoria que conta coa participación das tres universidades públicas galegas, así como de numerosos colectivos e persoas a nivel particular. O xurado valora o seu carácter interdisciplinar cunha vertente de investigación, divulgación e transferencia á sociedade que ten un acceso libre e gratuíto á obra.

 

O Proxecto de Investigación "Nomes e Voces" naceu ao abeiro dos traballos que  se realizaron ao redor do Ano da Memoria 2006, promovido pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Ao proxecto encomendóuselle a tarefa de estudar a violencia golpista durante a Guerra e posguerra, así como ofrecer á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución neste período. Esta tarefa abordouse desde a perspectiva da investigación histórica, como parte dun crecente interese da sociedade polo estudo da violencia franquista e as consecuencias desta.

 

O proxecto foi executado por un grupo de investigación formado polos máximos especialistas na “violencia do 36” en Galicia, coordenados polo catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto xunto a el, estaban os profesores Emilio F. Grandío Seoane, Mª Jesús Souto Blanco, Julio Prada Rodríguez, Xosé Manoel Núñez Seixas e os investigadores Dionisio Pereira, Xurxo Pantaleón, Andrés Domínguez Almansa, Antonio Miguez Macho, Antonio Somoza, Mónica Rocha, Gustavo Hervella, Eva Vieites e Natalia Novoa Dominguez,  e que actuou, principalmente en tres liñas:

 

1. A constitución dun fondo de gravacións sobre a memoria oral da guerra

2. A elaboración dunha relación nominal das vítimas

3. A determinación dunha cartografía da "represión"

 

 

 

Máis información:

 

https://premiosdacriticagalicia.gal/2024/10/ditame-dos-premios-da-critica-de-galicia-2024/

 

https://www.nomesevoces.net/gl/o-proxecto