HISTAGRA participa na web serie San Simón, a colonia penitenciaria

HISTAGRA colabora na realización da web serie San Simón, a colonia penitenciaria
Esta webserie documental é un relato distinto sobre a illa que se converteu no símbolo da violencia franquista, do exterminio e da inxustiza. Unha ollada histórica que fusiona a animación co xénero das entrevistas. Un formato innovador para abordar o impacto que causaron a guerra civil española e a ditadura na vida dos galegos e as galegas. Dirixida por Miguel Ángel Delgado en 2022, conta co asesoramento do Grupo HISTAGRA, así como coas intervencións de Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Miguez Macho, Conchi López, Xabier Buxeiro, Aldara Cidrás.
A web serie consta de cinco capítulos de 8-10 minutos de duración onde se narra de xeito ameno o comezo e as consecuencias da violencia franquista en Galicia entre 1936 e 1939.
Capítulo 1: A vida cambia de signo: Como impactou o alzamento militar na sociedade civil galega de 1936?
O golpe supuxo unha creba nunha Galicia que vivía un momento de pluralismo e modernización. Cales foron os principais intereses dos golpistas? Entre os seus obxectivos estaba tamén o de cortar de raíz o movemento emancipador do feminismo. Trasladámonos a eses primeiros momentos en que a vida cambiou de signo.
Capítulo 2: Xeografías da represión: O golpe de estado de 1936 destapou unha violencia inédita
O golpe de estado de 1936 destapou unha violencia inédita que golpeou non só unha parte moi importante da sociedade e os representantes democráticos anteriores ao levantamento, senón tamén a cidadanía, e moitas familias que viron os seus destinos truncados por prestar auxilio aos que fuxían do terror, arriscando con iso a súa propia vida.
Capítulo 3: Ecos da guerra: Asasinatos, encarceramentos e o exilio: os sinais da loita antifranquista en Galicia
A pesar da distancia coas frontes da guerra, Galicia non está exenta das consecuencias máis cruentas do conflito. O franquismo exerce igualmente a violencia contra persoas e grupos sociais polas súas ideas e identidades. Prisións como a de Figueirido, Celanova ou San Simón convértense en cárceres de presos políticos. Os recrutamentos forzosos tamén foron parte importante da guerra e golpearon directamente a vidas das persoas mobilizadas
Capítulo 4: As solidariedades: As redes de evasión tecidas por mulleres para protexer as persoas que fuxían da represión franquista
Desde os primeiros momentos do golpe moitas mulleres puxeron en risco as súas propias vidas para prestar auxilio ás familias afectadas e a aquelas persoas que apoiaban a República. Foi o caso das mulleres do barrio das Atochas, na Coruña, ou das mulleres de Cesantes, de Rianxo, de Redondela ou de Muros. A moitas delas castigáronas ou finalmente executáronas.
Capítulo 5: O relato das memorias: Un lugar tan fermoso como San Simón convértese no paradigma das matanzas e da inxustiza
O relato das memorias posibilita coñecer os feitos e acontecementos vividos nun espazo, que se insiren no conxunto da memoria colectiva, e ofrece o camiño para a reparación das vítimas. A illa de San Simón garda o relato da represión das persoas damnificadas do franquismo, o que a converte na illa da memoria.
Para ver a web serie:
https://agalega.gal/videos/category/19789-san-simon-a-colonia-penitenciaria