O CHAMPAÑA PERDIDO DE OSEIRA
O CHAMPAÑA PERDIDO DE OSEIRA. Unha industria monástica entre o Ribeiro, a República e a posguerra (1930-1963)
Carlos Pérez Blanco https://es.linkedin.com/in/carlosperezblanco ·
Cando os monxes cistercienses volveron a Oseira, en outubro de 1929, o mosteiro levaba case un século baleiro. A exclaustración de 1835 deixárao sen comunidade, e o que non levou o Estado foino levando o tempo. A iniciativa da restauración foi do bispo de Ourense, Florencio Cerviño, e a fundación fíxose desde a abadía francesa de Notre-Dame-des-Neiges, con algún monxe de San Isidro de Dueñas. Non houbo diñeiro público. A comunidade mantívose coas súas propias industrias, como facían as trapas francesas: electricidade, granxa, queixos e manteiga, chocolate, viño de misa, un aperitivo e, desde moi cedo, champaña.
Este traballo reconstrúe a historia dese champaña a partir da prensa galega da época, dos traballos de frei Damián Yáñez Neira e doutras fontes.
Un comezo rápido
O 14 de febreiro de 1931 os monxes agasallaron a José Calvo Sotelo co seu «ya famoso champán». Catro meses despois, en xuño, Policarpo Seisdedos describía na Revista del Auto-Aero Club de Galicia unha fábrica que «acaban de instalar», na que se espumaban «los vinos blancos del Ribero». As dúas noticias encaixan se a elaboración comezou en pequeno en 1930, para a casa e as visitas, e se montou unha instalación para vender na primavera de 1931. Non había na comarca ningunha tradición de espumoso, e o mosteiro non tiña viñas en Oseira: mercaba o viño no Ribeiro, como fixera durante séculos a través dos seus priorados. O oficio tivo que chegar cos monxes. Un irmán lego francés acondicionou a adega en 1930, e a publicidade de 1935 presumía de «técnicos de la producción francesa». Os espumosos documentados en Neiges son posteriores a 1949, así que o máis probable é que o saber viñese dalgún monxe concreto, cuxo nome segue sen aparecer.
Unha marca con todas as súas pezas
Entre 1932 e 1935 o Champán Osera foi un produto comercial completo. Serviuse na inauguración dos comedores do hotel La Bilbaína e no salón do Liceo Recreo Orensano, e o mosteiro publicou polo menos sesenta anuncios en cinco cabeceiras: Galicia e La Región en Ourense, El Compostelano en Santiago, Vida Gallega e El Ideal Gallego. A campaña tivo o seu momento máis intenso en maio de 1933, con dezaoito anuncios nun só mes. Había puntos de venda en Ourense, Santiago e A Coruña, venda por ferrocarril a portes pagados e dúas calidades, carta azul e carta branca, a 93 e 73 pesetas a caixa na tarifa de Nadal de 1935. O único anuncio ilustrado, de xaneiro de 1933, presenta dous osos abrazados a unha botella, en referencia a Ursaria, a terra de osos que dá nome ao lugar. As etiquetas conservadas, unha delas impresa en Xixón e co selo «Timbre a metálico», confirman o coidado da presentación. No outono de 1935 o champaña pechaba o banquete das Xornadas Médicas Galaico-Portuguesas e o xantar da Garda Civil de Ourense.
Guerra e posguerra
Coa guerra a publicidade desaparece, pero o produto segue presente. Sérvese no hospital de sangue de Betanzos no Nadal de 1936, tres ferroláns déixanlle caixas a Franco en Salamanca en febreiro de 1937 e un preso do mosteiro, convertido en lugar de reclusión, recorda o «sabor del champán» da Noiteboa. A tradición de que abasteceu a aviación franquista procede dunha guía de 1960 e non está documentada; a de que prosperou pola ausencia do champaña catalán é razoable, pero non ten cifras detrás. Na posguerra a marca resiste: aparece no programa do Corpus de 1943, na festa do reformatorio en 1944 e nun inventario de 1953, valorada a 13 pesetas fronte ás 15 do Codorníu. En setembro de 1955, durante a visita de Franco, o prior brindou cun champaña que os monxes «fabrican actualmente».
O final
A crise chegou nos anos seguintes. En 1959 a Santa Sé puxo o mosteiro baixo un administrador apostólico, en 1960 a paternidade pasou de Neiges a Dueñas e en abril de 1963 Cuco Cerecedo contaba en El Pueblo Gallego que os utensilios do champaña xa foran retirados en camións e que quedaban dez monxes á espera da orde de abandono. O champaña deixou de fabricarse entre 1955 e 1963. A comunidade sobreviviu, o mosteiro reabriu oficialmente en 1964 e en 1977 recuperou o rango de abadía, pero o champaña non volveu. O licor Eucaliptine, que o mosteiro elabora desde 1969, non é continuación do vello Aperitivo Osera. Comparte con el a intención, unha bebida para enfermos e convalecentes, pero non a receita.
Un dos primeiros champañas galegos
Despois dun antecedente sen marca en Petín (1888), o Gran Champán Galicia da Ramallosa (cara a 1920-1925) e o Gran Champagne Gulías do Ribeiro (desde 1921), o de Oseira foi o terceiro champaña galego con marca. Foi o que máis durou dos tres, uns vinte e cinco anos, o único feito por unha comunidade relixiosa e, durante a guerra e a posguerra, probablemente o único champaña galego no mercado. Tamén é, con diferenza, o mellor documentado. Aínda así, ningunha das historias do espumoso galego publicadas ata agora o menciona.
Quedan preguntas abertas: quen dirixía a elaboración, que método e que uva se empregaban, canto se producía e en que ano exacto se deixou de facer.