A Prisión do Cuartel de Santa Isabel en Santiago de Compostela: resginificando o espazo para a memoria democrática

A Prisión do Cuartel de Santa Isabel en Santiago de Compostela: resginificando o espazo para a  memoria democrática

 

Antonio Miguez Macho

Doutor en Historia e profesor titular no Dep. Historia-USC

Investigador de HISTAGRA-CISPAC

 

 

Hoxe 3 de decembro de 2024, en Santa Isabel, Santiago de Compostela, terá lugar o acto de descubrimento do fito  en memoria das miles de persoas presos no Cuartel de Santa Isabel entre 1939 e 1946. Histagra e a Facultade de Xeografía e Historia están coa coa Alcaldesa da cidade e a Plataforma de Galeras neste momento de re-significación para a memoria democrática. Cómpre facer unha breve historia do espazo para entender por que é un momento tan importante o que estamos vivindo.

 

En Santa Isabel estaba o principal cuartel militar de Santiago, no espazo que hoxe ocupa a pavillón municipal e o campo adxacente. Este establecemento militar construído a mediados do século XVIII funcionou como cuartel ata 1925, momento en que o destacamento militar foi trasladado ao Edificio de Veterinaria na “Tenencia do Hórreo” (hoxe sede do Parlamento de Galicia).

O cuartel do río dos Sapos no arrabal de Santa Isabel, foi un proxectodo enxeñeiro militar Juan Vergel en 1744, destinado a substituir o vello acuartelamento da cidade que estaba nas inmediación de San Agustín. Polas condicións de humidade existente na zona, situada entre os ríos Sarela e dos Sapos, a edificación sempre presentou diversos problemas para o acuartelamento de tropas (preferían empregar para ese fin outros edificios, como vello Colexio de San Clemente). 

 

O campo anexo ao Cuartel, o Campo de Santa Isabel, si que foi empregado para múltiples actividades, incluíndo os usos recreativos, o deportivo e tamén como sede de reunións e actos políticos diversos, ademais de seguir sendo o campo de instrucción dos militares. No recreativo, destaca a instalación dunha praza de touros entre 1875 e 1885. O clube de Velocipedistas de 1892, realizou carreiras de velocípedos dende ese ano no Campo de Santa Isabel e logo pasou a ser o lugar de realización dos primeiros partidos de fútbol na cidade. Na década de 1920, eran frecuentes os partidos de fútbol, competicións de tiro ao pichón ou carreiras ciclistas, que daban vida a este campo. Tamén foi lugar de encontros políticos, como os grandes mítines políticos do período da II República. 

 

O edificio do vello cuartel sufriu un incendio en xullo de 1931 (parece ser que froito da trasnada duns nenos) que lle causou moitos danos especialmente a unha parte do edificio. Nos anos inmediatamente posteriores tiveron lugar diversas iniciativas de reconstrucción. Aquel espazo que non era apto para aloxar aos soldados e fora vítima dun incendio, converteuse desde 1939 en prisión política, unha das maiores e máis duras de Galicia. As condicións do presidio foron terribles e as mortes por inanición e enfermidades frecuentes. Os máis de 1500 presos, a gran maioría non eran galegos, dependían da atención que recibían por parte da propia veciñanza do barrio, do que quedaron diversos testemuño na memoria. 

 

Santa Isabel funcionou primeiro como lugar extraordinario, no sentido de ser cárcere habilitada e logo acadará o título de prisión central, unha das tres que hai en Galicia (coa de Figueirido en Pontevedra e Celanova en Ourense), e foi a única que sobreviu até 1946. Foi ademais a que contou con maior poboación reclusa durante a primeira metade da decada de 1940, cunha media de algo máis de 1500 reclusos (case o 100% “políticos”) nos primeiros anos.

 

Despois de 1946, a prisión pechou e o cuartel quedou abandonado. Derrubado en 1973, hoxe queremos resignificar o espazo con memoria democrática, lembrando a todas as persoas que foron vítimas da violencia da ditadura franquista