O cambio tecnolóxico na agricultura

O enfoque institucional leva á indagación sobre a conformación histórica dos sistemas estatais de innovación, dende un punto de vista que o relaciona coa historia da ciencia, pero interesa especialmente as formas que adopta o entramado institucional nos diferentes contextos estatais e internacionais, o que enlaza tamén co estudo das políticas agrarias na súa vertente tecnolóxica. Neste punto interesa o rol dos científicos e os técnicos tanto na definición das súas propostas como na relación co medio social agrario onde teñen que desenvolverse.
O tipo e a cadea de innovacións adoptadas polo sistema produtivo en cada contexto son unha guía necesaria de pescuda, así como as canles que segue o proceso innovador: comerciais, formativas, asociativas, etc. Interesa especialmente o estudo do medio social innovador, os labregos como suxeitos individuais e colectivos que resisten unhas innovacións e incorporan outras, cando poden facelo, así como o carácter forzado (revolución verde) ou voluntario de innovación (peasant friendly). En último termo queremos indagar nas lóxicas sociais e o sentido produtivo da innovación: Indagando a quen beneficia e a quen prexudica historicamente. HISTAGRA é pioneiro na Historia do cambio tecnolóxico na agricultura dende hai tres décadas.

 

Esta liña está partillada en dous subcampos:

 

- Transformacións na agricultura atlántica de pequena explotación: propiedade, política agraria e medio ambiente
- Cambio tecnolóxico e sistemas de innovación: Agricultura orgánica, revolución verde e sustentabilidade