Historia Ambiental e Historia Forestal

Esta liña de investigación estuda os sistemas sociais dende o punto de vista da súa co-evolución cos sistemas naturais, prestando especial atención aos condicionantes que estes impoñen ao seu desenvolvemento e ao impacto que as accións sociais teñen sobre o seu entorno. Trátase polo tanto de coñecer e reinterpretar o pasado en clave de sustentabilidade, desentrañando a relación que as sociedades establecen coa natureza ao longo do tempo e localizando historicamente as orixes da crise ambiental que hoxe vivimos. Este enfoque de estudo dos aproveitamentos e manexos agrarios adquire así unha vocación eminentemente práctica xa que mediante o estudo das transformacións socioecolóxicas do pasado pretende tamén orientar a futura transición do actual modelo industrial insustentable cara unha relación co medio que sexa sustentable, e non só na súa vertente ambiental, tamén na social. Agroecoloxía e Bioeconomía nutren o enfoque dos traballos neste ámbito, con especial atención ao uso dos ciclos de enerxía e nutrintes. Pola súa parte, a historia forestal aborda a análise histórica da realidade forestal contemporánea na súa vertente económica, social, política, institucional e ecolóxica, tratando de proporcionar unha visión sintética, razoada e multicausal da súa variada problemática durante o período correspondente aos séculos XIX e XX. A tal fin o estudo dos cambios no réxime de propiedade e aproveitamento, a análise dos usos multifucional dos espazos de monte ao longo do tempo, a comprensión da súa imbricación cos sistemas agrarios e industriais e a conflitividade xerada ao abeiro destas cuestións, tendo sempre moi presentes os procesos políticos, as realidades económicas e os condicionantes medioambientais.

 

Esta liña está partillada en dous subcampos:

 

- Paisaxes, agroecoloxía e manexos do territorio e a enerxía, na historia das sociedades rurais contemporáneas
- Cambio tecnolóxico e sistemas de innovación: agricultura orgánica, revolución verde e sustentabilidade.