De casas de labregos a granxas leiteiras. A corenta anos de pasados, inercias e futuros da agricultura galega

Fernández Prieto, L. (2022): "De casas de labregos a granxas leiteiras. A corenta anos de pasados, inercias e futuros da agricultura galega", en Villares Paz. R.  (Coord.), Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica. 1981-2021, Santiago de Compostela, Parlamento de Galicia, p.  145-159

En 1981, cando se constituíu o Parlamento, o campo galego aínda existía como cultura rural viva e como espazo de produción agraria e poboamento intenso. Tendo en conta que a esperanza de vida en Galicia naquela altura era de 75 anos (72, homes; 78, mulleres), facendo un cálculo groso, poderiamos dicir que os que ían finar daquela terían 30 anos en 1936 e 46 en 1952, cando se suprimiu o racionamento da posguerra. Máis do 18 % da sociedade galega de 1981, os maiores de 60 anos, viviran ese período do golpe, a guerra e a longa posguerra autárquica con máis de 15 anos. Pero máis relevante aínda é que un 55 % nacera despois de 1941, o ano con máis mortalidade do século XX no Estado español.