Ayudas de apoyo a la etapa inicial de formación posdoctoral del Plan Gallego de investigación
O pasado luns 17 de marzo, a investigadora de HISTAGRA, Alba Díaz Geada acadou, en réxime de concorrencia competitiva, unha axuda de apoio á formación posdoutoral do Plan Galego de Investigación co proxecto Cambio estrutural e acción colectiva nas sociedades rurais da segunda metade do S.XX en perspectiva comparada, que será desenvolto nos tres próximos anos, o que a levará a traballar en universidades e con persoal referente nos estudos sobre sociedades rurais contemporáneas.
Desenvolvemento do Proxecto:
Alba Díaz realizará unha dobre estadía. En primeiro lugar, 6 meses no Laboratoire d´Études Rurales da Universidade de Lyon 2, dirixido polo profesor Jean-Luc Mayaud; e ano e medio na Yale University, no marco do Program of Agrarian Studies, coordinado polo profesor James Scott. Partindo da súa tese de doutorado “Mudar en común. Cambios económicos, sociais e culturais no rural galego do franquismo e da transición (1959-1982)”, o que se pretende é seguir afondando nas liñas abertas, en perspectiva comparada.
Durante as estadías o que se pretende é revisar hipóteses e conclusións en diálogo coas equipas investigadoras dos centros sinalados, ampliar a base bibliográfica, traballar con novas fontes, deseñar novas liñas de estudo, etc.
Plan de traballo:
1. Ampliar a reflexión respecto das lecturas clásicas do mundo rural e definir, desde a historia, un enfoque fincado na axencia dos suxeitos.
2. Afondar no estudo do cambio estrutural das sociedades rurais contemporáneas, incidindo nos espazos de intervención dos actores sociais nos procesos históricos.
3. Estudar a mobilización social e os procesos de transición política desde as sociedades rurais
Sobre a investigadora:
Alba Díaz Geada (1985) é doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (2013). Premio Nacional á Excelencia no Rendemento Académico Universitario, realizou o Máster en Historia Contemporánea (2009) e foi Bolseira FPU no Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC no Grupo de Referencia Competitiva HISTAGRA.
As súas liñas de investigación son: historia agraria e historia social, movementos sociais, cambio social e cultural, franquismo e transición á democracia.
Ligazóns de interese:
http://ler-serec.org/
http://www.yale.edu/agrarianstudies/shadow/ashome.html
http://www.letudiant.fr/educpros/personnalites/mayaud-jean-luc-821.html
http://www.yale.edu/agrarianstudies/shadow/facstaff.html
http://histagra.usc.es/es/persoa/alba-diaz-geada/
http://www.seha.info/8/2_seminario/SEHA_2S_Alba%20D.pdf