
Aldara Cidrás Fuentes
IFP
ORCID: 0000-0003-3572-5039
Aldara Cidrás Fuentes (Vigo, 1994) é graduada en Historia (2016, USC), máster en Historia Contemporánea (2017, interuniversitario [USC]) e actualmente está realizando a súa tese de doutoramento no departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida polos profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho. Forma parte do grupo de investigación Histagra dende o 2016 e, dende o 2018, é investigadora contratada ao abeiro das axudas de apoio á etapa predoutoral da Xunta de Galicia. No 2019, realizou unha estadía de investigación na Universidade de Princeton (NJ, EUA), onde tamén foi convidada a impartir unha sesión do Seminario de Estudos Ibéricosna que presentou parte dos resultados das súas investigacións baixo o título «A xustiza militar golpista como elemento de unión, propaganda e eliminación durante a guerra civil española (1936 – 1939)».
No curso 2016/2017, obtivo o Premio Extraordinario de Fin de Máster do Máster Interuniversitario en Historia Contemporánea e o seu traballo de fin de máster «A violencia, as vítimas, os verdugos. A lóxica do terror na cidade de Pontevedra (1936 – 1939)» foi valorado con matrícula de honra. Durante dito ano, foi tamén beneficiaria dunha bolsa de colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a desenvolver na Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo (UPDOC) — Fondo de Historia Oral de Galicia (HISTORGA), traballo que continuou cando se abriu ao público o fondo Terra e Memoria no 2019.
A súa principal liña de investigación céntrase na xudicialización da violencia entre 1936 e 1939 e os seus perpetradores, en tanto que entende que a instrumentalización política que os sublevados fixeron do sistema xudicial militar e ordinario serviu para lexitimar e perpetrar a violencia xenocida que se desata após o golpe de Estado de 1936. En termos máis xerais, os seus intereses de estudo abarcan as memorias colectivas e narrativas derivadas dos crimes de lesa humanidade, a historia das mentalidades, os estudos culturais e de xénero, e as políticas de xustiza transicional e de (des)memorialización. De forma máis actual, está desenvolvendo unha liña de traballo centrada nos lugares de memoria como elementos concretos que materializan e condensan no espazo a pluralidade das violencias, froito dunha construción retroactiva do relato sobre o golpe e a guerra civil.
Un avance das súas investigacións está dispoñible en: CIDRÁS, Aldara: “A construción da culpabilidade colectiva na cidade de Pontevedra (1936 – 1939)”, en FERNÁNDEZ PRIETO, Lourenzo e MÍGUEZ MACHO, Antonio (ed.): Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, Vigo, Galaxia, 2018, pp. 227 - 283. Ademais, as súas contribucións en congresos e charlas pódense atopar en aberto en internet. Aparte da súa produción científica, adoita colaborar de forma asidua en diversas actividades de difusión de coñecemento histórico para público máis xeral, en tanto que está profundamente concienciada da necesidade da transferencia de resultados das investigacións académicas como base dunha sociedade máis plural e democrática
Documents
messages.latest-publications
-
The Limits of Hell: The Symbolization of Violence through Small Urban Spaces
Aldara Cidrás Fuentes -
Nomes e voces: 15 años de un proyecto pionero en el estudio de la violencia golpista
Xabier Buxeiro Alonso, Aldara Cidrás Fuentes -
-