Roteiro Deconstruír o franquismo o 1 de febreiro

Que xestión se fixo a nivel local dos vestixios da Guerra do 36 e o franquismo? Cales son os retos pendentes no eido da memoria histórica na nosa cidade? Que podemos facer como cidadás?
 

Estas e outras preguntas terán espazo o vindeiro sábado 1 de febreiro no Roteiro "Deconstruír o franquismo", unha actividade que nace coa vocación de promover a reflexión pública sobre as políticas de xestión das pegadas do franquismo en Compostela. Constitúe un complemento á mostra do mesmo nome, instalada na Alameda desde o 23 de xaneiro até o 6 de febreiro, permitindo afondar nos contidos e compartir reflexións con outros axentes.
 

Da man da cooperativa Rexenerando, visitaremos algúns espazos da cidade significativos para a memoria, artellando o percorrido en base aos cinco grandes conceptos que vertebran a exposición: persistencia, amnesia, ausencia, expropiación e veladuras. Escoitaremos de primeira man o testemuño de persoas que traballan pola memoria histórica no noso contexto, tanto desde o ámbito académico como o activista.

 

O percorrido comeza ás 11h na Alameda, diante do propio contedor da exposición. Ten unha duración aproximada de dúas horas, e o remate será no mesmo espazo.
 

Esta actividade é de balde, pero as prazas son limitadas. Para facer unha reserva, escribe a info@rexenerando.com.
 

Máis información do proxecto en http://histagra.usc.gal/gl/novas/766/exposicion-deconstruir-o-franquismo-en-santiago-de-compostela