Historia do antigo concello de Conxo

García Ferreira, Rafael (ed.), Historia do antigo concello de Conxo, Santiago de Compostela, Alvarellos Editora e Consorcio de Santiago, 2025

O histórico barrio de Conxo, ao sur da cidade, foi concello independente durante case un século, entre 1835 e 1925. Da súa estación de ferrocarril partiu a primeira liña de tren de Galicia e nel naceu a fundadora da literatura galega moderna, Rosalía de Castro. Conxo protagonizaría loitas imprescindibles para entender hoxe a mellora das condicións de vida da clase traballadora, dende o Banquete democrático de 1856 ata os movementos obreiros de 1898, pasando pola creación e mantemento da súa Sociedade Benéfica. Ademais, o Conxo histórico das oito parroquias mantén un valiosísimo patrimonio, con tesouros únicos: a memoria milenaria do seu petróglifo e castro, o románico do seu antigo mosteiro, o barroco da actual igrexa parroquial, ou a fortaleza da Rocha, símbolo das loitas dos irmandiños contra os señores feudais.