Paseos, execucións e outros asasinatos. A organización e posta en marcha da maquinaria de exterminio golpista en Galiza

Xabier Buxeiro Alonso (2020): "Paseos, execucións e outros asasinatos. A organización e posta en marcha da maquinaria de exterminio golpista en Galiza", en  Lisandro Cañón e César Manuel Román (Comp.) (2020), Estado de excepción y terrorismo de Estado, Córdoba, Lago editora, p. 111-140

O 18 de xullo de 1936 produciuse unha sublevación militar no Estado español que mudou completamente a sociedade do seu tempo. Os seus artífices foron uns douscentos oficiais que deseñaron un plan de asalto ao poder que conseguiu o apoio aproximado da metade dos membros do exército (Puell de la Villa, 2013, pp. 55). A rebelión contra a legalidade vixente permitiulle aos golpistas facerse co control de boa parte do territorio. Dentro da mal chamada zona nacional declarouse de xeito inmediato o estado de guerra e os militares rebeldes pasaron a controlar competencias que, até ese momento, foran exclusivas do poder civil.