Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG

Ven de ser concedida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnológica do SUG, a axuda do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitiva que apoia aos grupos de investigación máis competitivos de Galicia, resultando estes: HISTAGRA (USC), dirixido por Lourenzo Fernández Prieto; COSMERUN (USC), dirixido por Xoán Carlos Carreira; LABORATE (USC), que dirixe Rafael Crecente Maseda; GESPIC (USC), dirixido por Xoán Carmona e GIEEA (UdV), a cargo de Xavier Simón.
A importancia do papel que están a desenvolver todos estes grupos no marco científico autonómico é notable, agardando reforzar mediante esta rede de traballo, a súa proxección competitiva exterior nos diferentes ámbitos da investigación: HISTAGRA, desde a Historia Contemporánea; LABORATE desde a enxeñería agroforestal, COSMERUN desde o medio rural e natural ; GIEEA desde a Economía Ecolóxica e Agroecoloxía e GESPIC desde a industria e o comercio.
Os obxectivos de consolidación e estruturación da rede fan especial incidencia en fortalecer e reorientar as liñas de investigación da mesma, e as colaboracións para complementar as capacidades da rede, así como o de fortalecer a estrutura da mesma. Os indicadores de seguimento serán o número de publicacións de alto impacto, o número de contratos e convenios, participación en proxectos e redes internacionais, novas accións de colaboración. Números de teses de doutoramento lidas e contratos postdoutorais.
A primeira das reunións desta nova rede de grupos terá lugar no Museo da Lamprea de Arbo esta vindeira fin de semana, entre os días 30 de setembro e 2 de outubro. Nela, os diferentes membros dos equipos tratarán as primeiras cuestións relativas ao programa da nova rede, á súa organización (dimensión que se quere acadar, mecanismos de xestión, aprendizaxe e intercambio de coñecemento, distribución de tarefas, etc) así como a creación dunha plataforma Web que aglutine toda a información xerada polos cinco grupos de traballo, e cuxos responsables serán A Navalla Suíza.