Exposición ‘A Granxa Agrícola Experimental de Galicia (1888-1964)’ na Coruña
A mostra A Granxa Agrícola Experimental de Galicia (1888-1964), comisariada por Lourenzo Fernández Prieto e Xosé A. Fraga Vázquez, é unha iniciativa promovida por Museos Científicos Coruñeses, en colaboración co Concello de A Coruña e Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia. Permanecerá aberta ao público do 24 de febreiro ao 27 de marzo, na Sala Municipal de Exposicións de PALEXCO (Avd. da Asociación da Prensa s/n. A Coruña).
Creada en 1888 nas aforas da cidade da Coruña, a Granxa agrícola Experimental foi o primeiro centro de experimentación e difusión de novas técnicas agrícolas creado en Galicia e Asturias. A súa actividade continuou en Monelos ata 1964 e na actualidade esas tarefas desenvólvense no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
A aplicación da ciencia ao labor agrícola permitiu importantes logros: a creación da raza rubia galega, a actividade da Estación de Fitopatoloxía, o cultivo do lúpulo, a formación de persoal e a difusión de novidades.
Asemade, a Granxa formou parte da cidade da Coruña, dos seus espazos e da vida social, con iniciativas tan singulares como a “festa da árbore”.
“Esta exposición recupera a historia e a memoria dunha cidade que quixo converterse en no xermolo do renacemento agropecuario de Galicia a finais do século XIX e abofé que o logrou. Era unha época na que o agro entraba nas pequenas cidades de Galicia, en forma de persoas, rendas e mercadorías, na que os negocios e as actividades productivas non podían entenderse seo o agro. Un tempo no que os operarios eran labregos, as fiandeiras labregas e os peritos mercantiles se comportaban como peritos agrícolas. No que o porto da Coruña ademais de emigrantes exportaba gando. A exposición, asemade, recupera a memoria dun espazo urbano singular e duns cidadáns que, eles ou seus avós ou pais, contemplaron e participaron da vida da Granxa” [’A Coruña metrópole agropecuaria’, Lourenzo Fernández Prieto e Xosé A. Fraga Vázquez. Fragmento extraído do folleto da exposición]