A covid-19 levounos o pasado por diante

 

 

Antonio Míguez Macho

 (HISTAGRA-Departamento de Historia, USC)

 

As conmemoracións históricas en datas de números redondos fan que o pasado entre no ateigado presente, aínda que sexa por un intre nada máis. Con todo, dende a historia exercida como profesión e vivida como vocación, aprovéitanos o que nos fornecen estas convencións numéricas. Facelo non contaxia, pero polo visto tampouco está de moda. 

 

O 8 de maio conmemórase todos os anos, os bos e tamén os malos, o aniversario da derrota do fascismo en Europa, “o final da II Guerra Mundial”. É certo que o 8 de maio celebrouse soamente entre os “aliados occidentais”, que na Unión Soviética sempre foi o 9. Tamén é coñecido que a data da sinatura da rendición de Alemaña Nazi diante das potencias aliadas puxo fin á guerra en Europa, pero non á Guerra Mundial como tal, que aínda seguiu varios meses no Pacífico. Pero por riba de todos eses “peros”, a data recorda anualmente que somos o que somos porque vencemos ao fascismo. Tamén o fai entre os derrotados na guerra, como na propia Alemaña, e mesmo en España, que non participa da conmemoración oficial porque non sabe onde colocar ao seu franquismo (ou sabe, pero non quere saber) e prefire recoñecerse como parte da vitoria aliada. 

 

No 2020 cumpríase o 75 aniversario, pero as celebracións habituais pasaron sen grande repercusión, case como unha molesta obriga en tempos onde a urxencia é do presente. Presidentes e dignitarios con máscara e ausencia total de público: soamente os imprescindibles para facer as formalidades. Na prensa, algunha pequena referencia perdida entre números de vítimas, novas instrucións das autoridades e debates sobre a “desescalada” nos bares. A covid-19 levounos o pasado por diante. 

 

Din que o esquecemento non é síntoma desta pandemia, pero... como podemos seguir vivindo sen pasado, sen recoñecernos a nós mesmos como individuos e como sociedade? En 1945, “out of the ruins of Europe” como chamou Walter Laqueur a aquel tempo, non había maior urxencia que sobrevivir. Pero entón pesaba o pasado en cada acto, en cada decisión que se adoptaba, en cada proxecto de futuro que se concibía, das Nacións Unidas á creación da Unión Europea, do Plan Marshall á sinatura da Convención para a prevención do Xenocidio. A loita contra a impunidade e o paradigma de Núremberg estaban ateigados de pasado tamén, o mesmo pasado partillado de Lauterpacht e Lemkin que Sands revive. A década de 1960 e os movementos sociais e políticos emerxentes non se poden entender sen buscar pasado, confrontar pasado, nas actuacións daquelas novas xeracións que cantaban pola voz de Dylan aos seus pais: “don't criticize what you can't understand” porque “your old road is rapidly aging”. En 1989, na caída do bloque soviético, as referencias dos manifestantes enchéronse dese pasado que non foi máis que o dunha ilusión, dixo Furet. Até cando onte discutíamos, xa no novo milenio, sobre o cambio climático pensabamos no pasado: alí onde Naredo pescudou nas “raíces económicas da deterioración ecolóxica e social”. O pasado cómprase, véndese e rexéitase tamén, pero era omnipresente para poder recoñecerse como un mesmo. 

 

E de súpeto, soamente hai presente. Día tras días, so múltiples presentes. Elongación do presente que non semella ser presente. Como quen perde a memoria e fica de súpeto desorientado por completo, esquecimos o 8 de maio de 1945 moito antes de caer enfermos. 

 

Antonio Míguez Macho (Santiago de Compostela, 1979) é Doutor en Historia da Universidade de Santiago de Compostela (2006). Premio Extraordinario Fin de Carreira no 2001 e Premio Extraordinario de Doutorado. Investigador contratado polo Programa Ramón y Cajal no Departamento de Historia da USC.  

http://histagra.usc.es/gl/persoas/2/antonio-miguez-macho