A TESE DO 13 DE XULLO

A TESE DO 13 DE XULLO

 

Miguel Cabo Villaverde

Doutor en Historia e profesor titular no Dep. Historia-USC

Investigador de HISTAGRA

 

Adoita afirmarse que o deporte xoga nas sociedades contemporáneas unha función semellante á da mitoloxía en Grecia e Roma: proporcionar imaxes de heroes e antiheroes, presentar modelos de conduta, facernos reflexionar sobre os dilemas da existencia humana e, en xeral, axudarnos a darlle sentido a unha vida que ás veces parece non telo. Hai unha anécdota sobre o corredor de fondo estadounidense Steve Prefontaine (1951-1975) que me impresionou no momento de coñecela e que estes días volveu á miña mente por un acontecemento tráxico co que aparentemente non ten ningunha relación. 

 

Prefontaine foi un atleta de gran carisma e que acadou unha popularidade case de estrela, nun deporte carente da atención mediática do baloncesto, o baseball ou o fútbol americano. Pode que se debese á súa actitude rebelde, á súa táctica kamikaze nas carreiras de tirar con todas as súas forzas dende o primeiro metro (un front-runner na xerga atlética) ou á súa facilidade para acuñar frases rechamantes. Prefontaine posuía os récords nacionais en varias distancias pero só conseguíu ser cuarto na final dos 5000 metros dos xogos de Múnich de 1972, onde por certo estaba presente tamén o vigués Javier Álvarez Salgado. Morreu precozmente nun accidente de tráfico en 1975 e como homenaxe os seus compañeiros de adestramento reuníronse na mítica pista de Eugene (Oregón). O seu adestrador Bill Bowerman puxo en marcha o cronómetro e anunciou que ía detelo cando chegase ós 12 minutos 36 segundos, unha marca descomunal que tería suposto nese momento o récord do mundo de 5000 (case o seguiría sendo hoxe en día). Sería como se Pre tivese acadado esa marca e Bowerman proclamou que para el e todos os presentes, dende ese mesmo momento, pasaba a ser o recordman mundial, aínda que nunca constase como tal para a Federación Internacional.

 

O día 18 de maio tiven que redactar unha mensaxe que me semellaba inconcebible no mesmo momento en que as letras se ían proxectando na pantalla do meu ordenador. Estaba escribindo ós membros do xuri da tese de Lydia Barrós que o acto quedaba cancelado polo seu cruel, inxusto e inexplicable falecemento. Lydia fora sacando adiante a súa investigación sobre o sistema educativo en Galicia baixo a Ditadura de Primo de Rivera, en particular sobre a súa dimensión nacionalizadora, sen ningunha bolsa, combinándoa cun traballo que nada tiña que ver co mundo académico. Demostrou unha vocación e unha vontade inquebrantables. Sabendo que dificilmente lle sacaría réditos en termos estrictamente materiais, conseguíu rematala e depositala por fin para poñer en marcha o tedioso proceso administrativo que debería ter levado ó acto de defensa o 13 de xullo.

 

Ese día ninguén abrirá as portas do Paraninfo nin acenderá as luces. Nos impoñentes sillóns forrados de vermello non sentará ninguén para facerlle preguntas a Lydia e ela non poderá estar alí para respondelas. Pero para todos os que tivemos a sorte de coñecela, o 13 de xullo acadará para nós, como merecía, o título de doutora en Historia, igual que Prefontaine correu aquel día máis rápido ca nunca no tartán deserto da pista de Eugene.

 

Miguel Cabo Villaverde (Santiago de Compostela, 1970) é Doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, coa tese A integración política do pequeno campesiñado: ou caso galego non marco europeo, 1890-1939, dirixida polo Profesor Lourenzo Fernández Prieto (1999). Profesor titular na USC. As súas liñas de investigación son a historia rural e historia social, con estudos sobre a acción colectiva, o asociacionismo e a politización no ámbito rural. Na actualidade céntrase na historia dos partidos agrarios en Europa.

 

Sobre Lydia Barrós: https://histagra.usc.es/gl/novas/909/pesar-polo-falecemento-da-investigadora-de-histagra-lydia-barros