Histagra fai historia no seu blog

Benvidos a este novo blog pertencente ao grupo de Investigación HISTAGRA. Un espazo pensado como lugar de debate colectivo, no que intercambiar ideas e opinións a través da escritura, por parte dos distintos profesionais que conforman o equipo de HISTAGRA e outros colaboradores ocasionais que serán benvidos. 

Nesta presentación diremos que non é a nosa primeira experiencia na rede, xa que desde hai tres anos vimos poñendo a disposición pública os nosos resultados científicos no site: http://histagra.usc.es, onde os interesados seguen as nosas principais liñas de investigación:

- Historia do Mundo rural contemporáneo

- Guerra civil, franquismo e transición

- Historia Ambiental e Historia Forestal

- Cambio tecnolóxico na agricultura

A experiencia ten sido tan positiva que pensamos que con este blog daremos un paso máis no enriquecemento do intercambio cos interesados  e a sociedade en xeral, convencidos de ter moito que aportar ao debate da Historia, e por que non, á forma en que se fai Historia en rede. As tecnoloxías teñen introducido nas Ciencias e nas Humanidades novas formas de aprendizaxe que permiten complementar a didáctica tradicional, compartindo materiais e recursos dixitais e interactivos. En Historia, estes recursos aportan un amplo abano de posibilidades para mostrar os contidos históricos nun contorno académico máis participativo, dinámico e visual.

Polo tanto, como historiadores e historiadoras que somos, o noso obxectivo principal é falar de Historia, utilizar este espazo para ofrecer á comunidade educativa, aos historiadores e profesionais, a comunicadores e xornalistas amais do público en xeral, temas e ideas, gustos e opinións  útiles para o intercambio, o debate e o enriquecemento da reflexión. De forma habitual, iremos aportando todo tipo de material científico e de pensamento, publicando artigos, novas, comentarios obre a actualidade e tamén recomendacións daquelas cousas que nos interesen: libros, exposicións ou películas, entre outras. Facilitando recursos bibliográficos relacionados cos nosos campos de investigación e a docencia ou aproximados a outras áreas que consideremos de interese a través de imaxes, ligazóns e vídeos. E tamén reflexionando sobre a memoria actual do pasado e pensando historicamente sobre a actualidade e o mundo presente.

Non somos o primeiro blog de Historia ni seremos o último, pensando que o novo coñecemento histórico precisa difundirse mellor e adaptarse aos novos soportes tecnolóxicos, traballando no sentido da comunidade da que procedemos. E ti que opinas? Cres que se pode facer Historia na rede?