Of Paradise and Power… dez anos despois

Daniel Lanero Táboas

Unha mestura de lecturas e asuntos académicos leváronme hai uns meses a “Poder y debilidad. Europa y Estados Unidos en el nuevo orden mundial”, de Robert Kagan (2003), publicado en España por Taurus ese mesmo ano. Sobre este libro vai tratar o meu primeiro post.

O ensaio de Kagan foi escrito nunha conxuntura peculiar, entre a conmoción psicolóxica e política causada en EEUU e a escala planetaria polos atendados do 11S e a invasión de Irak por parte das tropas dos EEUU e dos seus aliados na primavera de 2003. Tamén nun contexto no que as relacións diplomáticas entre os EEUU e algúns dos seus socios na OTAN – nomeadamente Francia – atravesaban por un dos momentos máis delicados dende o fin da II Guerra mundial. E como pano de fondo, a mobilización masiva en contra da intervención militar en Irak das sociedades civís de estados (como Reino Unido, España ou Italia) cuxos governos apoiaban firmemente, xa fora con declaracións públicas ou enviando tropas, dita intervención militar e as operacións de “seguridade” a ela asociadas.

A hipótese central que o autor desenvolve é que a crise diplomática que os atentados do 11S e a posterior guerra de Irak puxeron de manifesto entre a administración Bush e algúns dos seus aliados europeos e, de xeito masivo, a desafeción da opinión pública en Europa occidental cara á política exterior dos EEUU, foi unha consecuencia directa da II Guerra mundial, do papel determinante dos EEUU na súa resolución e, sobre todo, da maneira en como se re(construiu) Europa occidental durante a posguerra. A incontestable hexemonía militar, económica e política norteamericana levaría - no longo prazo - ás democracias europeas do Welfare State a unha sorte de hedonismo irresponsable, a un sentimento autocomplaciente de superioridade moral respecto da política e da sociedade norteamericana. Esta actitude iría acompañada, no plano das relacións políticas internacionais, por unha postura soft ante as crises diplomáticas, por unha aposta recorrente pola negociación multilateral e por unha gran aversión (fundamentada na propia experiencia histórica) ao emprego da forza militar. Pola contra, a política exterior dos EEUU sería - simplificando algo -  a consecuencia dunha relación directa entre a autopercepción da súa hexemonía militar e da súa responsabilidade política.          

O máis sinxelo (tamén o menos interesante) sería coller o libro de Robert Kagan dez anos despois para axusterlle as contas, resaltar en que estaba errado ou cales dos seus vaticinios sobre o futuro das relacións internacionais a medio prazo non se cumpriron. Máis doado aínda sería descualificar a Kagan, quen escribe moi ben, como un brillante académico propagandista na órbita dos think tank neocons da adminsitración Bush nos albores do século XXI.

Máis aló do discutible da tese central do libro, e de como esta se argumenta historicamente (o autor omite a trascendencia interna que o Plan Marshall tivo para os EEUU en beneficio da épica da liberación europea dos totalitarismos), o que máis me interesou do seu ensaio, foi o contraste entre as interpretacións de natureza xeopolítica que daquela facía Kagan e o que ten acontecido en este último decenio.

Chama poderosamente a atención, mesmo para un lector dun país até hai “dous días” europeísta, a súa percepción dun estado de euforia entre a opinión pública europea de comezos do século XXI en relación co proceso de integración política e económica da UE e co brillante futuro desta, percepción que Kagan – que daquela vivía en Bruxelas – non cuestiona. O fracaso do proxecto de constitución europea, o remendo que supuxo o Tratado de Lisboa (2007), as dúbidas arredor do futuro do euro ou a actual crise de lexitimidade política da UE diante dos cidadáns dos países membros, matizaron abondo esta interpretación. Sorprende tamén (relativamente) que non se chegue a preguntar se o papel de potencia mundial hexemónica asumido polos EEUU despois de 1945 e refrendado pola caída do muro en 1989 non estaba entrando en crise a comezos do século XXI. De aí tamén as escasas mencións que se fan a China e o seu novo rol na xeopolítica mundial. Por contra, é xa quen de esbozar, coincidindo cos primeiros anos da presidencia de Putin, coa actitude de Rusia ante a crise de Irak e coas tensións arredor do proxecto norteamericano de escudo antimísiles, un posible rexurdir da tensión bipolar da Guerra Fría, como as crises de Xeorxia ou Ucraína semellan confirmar.

Dende o meu punto de vista, unha das principais críticas que se lle pode facer o libro é o seu carácter ahistórico. Sen atender aos seus procesos de construción histórica, a argumentación de Kagan parte de considerar aos EEUU e á UE como dous termos de comparación (unidades políticas) equiparables, con políticas exteriores e de defensa claramente definidas e ben artelladas. Kagan directamente prescinde das diferencias entre o funcionamento da estrutura federal dos EEUU e o peso que a defensa dos intereses e da soberanía dos estados membros ten na sempre dificultosa definición das políticas comunitarias.