A política e os movementos sociais: a hidra da revolución

Antonio Miguez Macho

Entre as grandes revolucións que tiveron lugar no estudo do noso pasado, ocupou un lugar senlleiro a chegada das teorías da acción colectiva na análise dos movementos sociais. Foi a partir da década de 1970, cando unha nova xeración de sociólogos e historiadores (Tilly, Tarrow, McCarthy, Zald, McAdam, Snow, Benford, Melucci, Della Porta, Oberschall…) desenvolveron toda unha construción teórica e metodolóxica adicada ao estudo da conflitividade política. A asunción máis característica desta liña teórica, “a asunción extrema” que chamaban Turner e Killian, podíase formular máis ou menos do seguinte xeito: en toda sociedade sempre existen motivos dabondo de descontento para mobilizarse, pero soamente aqueles individuos que teñen a súa disposición recursos organizativos poden chegar a facelo. A nova interpretación rachaba tanto coas teorías de corte sociopsicolóxico que atribuían ao comportamento irracional das masas a orixe da protesta social, como coas teorías de orixe socioestrutural que se referían ás crises, fosen económicas, políticas ou morais como o detonante para a mobilización. Moito tiña que ver con isto o feito de que os autores desta nova onda viñan de experimentar en primeira man o ciclo da protesta da década de 1960 e non se identificaban a si mesmos nin como seres irracionais, nin depauperados. Os movementos sociais “solucionaban” o dilema do Free Rider (o gorrón) que presentara en 1965 o sociólogo Mancur Olson. Non soamente é racional o que non se mobiliza, o esquirol, senón aquel que protesta: tratábase de superar “o erro fundamental de atribución” que dicía Ross (1977), pasar de culparse a un mesmo a culpar ao sistema.

Pois ben. Que os historiadores fracasamos demasiadas veces á hora de facer visibles os nosos estudos á opinión pública é algo sabido e sentido en moitos casos. Pero no caso da análise dos movementos sociais, pode se cadra ser máis evidente. Nas crónicas que se presentan en medios de comunicación, políticos e opinólogos varios sobre os movementos sociais máis recentes dende o 15-M até o “movemento polo dereito a decidir” en Cataluña atopamos unha secuencia interpretativa abafante que busca nas razóns estruturais (a crise, cando non remotas razóns de incompatibilidade histórica) a orixe de toda protesta, percibe na organización de movementos socias e acción colectiva unha lóxica de ruptura cos procesos políticos precedentes e, ademais, exhibe as irrupcións de violencia como excrecencias irracionais do fenómeno. Xusto o tipo de argumento contra o que se rebelaba Tilly hai corenta anos cando definía de xeito tan expresivo o que significaba o concepto de repertorios de acción colectiva: “esas variedades de acción constitúen un repertorio en algo semellante ao sentido teatral ou musical da palabra. […] A xente coñece as regras xerais de actuación máis ou menos ben, e cambia de actuación segundo o que ten a man”. Visto cos ollos de Habermas, podíamos dicir que a mobilización social é un acto comunicativo, no que a mensaxe é a acción colectiva: a folga, a manifestación, o mitin, a ocupación dunha praza, a cadea humana, pero tamén a violencia colectiva… Toda mensaxe para ser intelixible precisa dun código compartido, que se entenda polos que a emiten pero tamén por quen é o seu destinatario e polos que observan. A mensaxe pode amplificarse con altofalantes varios, como poden ser os medios de comunicación ou as redes sociais, reformularse no curso dun diálogo que inclúa máis dunha mensaxe e mesmo pode deixar de ser parte dun sosegado diálogo, e tornar en berros, discusión e violencia. 

Moito teñen mudado as consideracións sobre estes temas nos últimos anos na investigación, e moito do que era anovador entón, agora xa é “axenda clásica”. Con todo, sorprende a fortaleza dos tópicos e lugares comúns non contrastados pola evidencia, pero si polo chamado “sentido común”. E reprodúcense tamén visións clásicas arredor da disidencia ou a contestación social que a equiparan a unha hidra monstruosa de mil cabezas, como conta a marabillosa obra titulada The Many-Headed Hydra de Peter Linebaugh e Marcus Rediker (La hidra de la revolución. Marineros, esclavos y campesinos en la historia oculta del Atlántico, Crítica, 2005). E hai quen liga a súa protesta de hoxe cunha disidencia que se pode remontar a antonte, construíndo identidade e “aliñando os marcos de interpretación” para mobilizar e dotar de significado ás protestas (Snow y Benford). Confundir os marcos de mobilización coa realidade mesma lévanos ao vello debate entre obxectivade e interpretación na historia, que non se deu solucionado nin cunha sobredose de narratividade (H. White).

Finalmente, unha última consideración sobre o impredicible do futuro e resultados da mobilización social. A idea mesma da interacción entre movementos sociais e contramovementos, entre acción colectiva e represión, entre os que protestan, as autoridades e os que “por alí pasan”, os medios, as redes sociais, é a idea mesma de democratización como proceso (Markoff). Tamén están as formas de “infrapolítica” e o “discurso oculto” (Scott) que van por canles non necesariamente formalizados no plano organizativo. Toda esta complexidade lévanos a pensar en que a protesta non é un estado atípico das sociedades, senón que as sociedades sen protesta son as atípicas. E o resultado previsible deste ciclo de protesta será… máis protesta. Parafraseando a Linebaugh e Rediker, “o que se vai, logo volve, impulsado polos ventos e correntes circulares dos mares”.