O mundo rural: do liberalismo a 1939

Esta liña de investigación ten como obxectivo o estudo do mundo rural entre a crise do antigo réxime e a guerra civil dende múltiples perspectivas, coa evolución sociopolítica como denominador común e poñendo en relación os ámbitos galego, español e europeo cun constante esforzo comparativo. Analízase a política pero non só dende a concepción clásica (procesos electorais, partidos…) senón dende o punto de vista da socialización política da poboación rural e a nova historia cultural, para estudar as políticas manexadas nas diferentes épocas, partindo dunha concepción multidireccional e de constante negociación formal e informal entre os actores. No ámbito social son de interese aspectos como o impacto da emigración, o xogo dos marcos identitarios de referencia (da aldea ao estado), a conflitividade e a delincuencia cotiás, a violencia o xogo de influencias recíprocas das formas tradicionais e novidosas de difusión cultural e ocio, as concepcións relixiosas, a educación e un longo etcétera. Un papel sobranceiro é reservado para as diferentes modalidades asociativas e as formas de construción da sociedade civil no mundo rural contemporáneo e moi especialmente ao agochado rol da muller na casa, a produción, o mercado e a mobilización social e política. Asuntos apenas enfocados ata o momento na historiografía.

 

Esta liña está partillada en dous subcampos:

 

- Construción da cidadanía e democratización no mundo rural contemporáneo


- Clientelismo político, liberalismo e democracia