A Real Academia Galega elixe ao IP de HISTAGRA como académico de número

A Real Academia Galega elixe ao IP de HISTAGRA Lourenzo Fernández Prieto como académico de número

 

A Real Academia Galega elixiu a Lourenzo Fernández Prieto, Catedrático de Historia da USC e Investigador Principal de HISTAGRA novo académico de número. Ocupará a vacante producida polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza en abril de 2020.

 

Os académicos destacaron que no campo da historia agraria, Fernández Prieto fíxose un nome “pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, ocupándose das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista”.

 

Cando coñeceu a elección. Lourenzo Fernández afirmou, "creo que aporto o meu traballo de historiador, que son 30 anos traballando na historia do mundo rural e do campesiñado e, nos últimos tempos, na historia relacionada coa ditadura franquista. Por outro lado, en termos persoais, son o primeiro home que intentará representar unha nova masculinidade, na que eu creo e na que estou formado. E máis substituíndo a unha muller como Luz Pozo Garza. Haberá que estar á altura dos tempos neste senso".

 

Co nomeamento de Lourenzo Fernández Prieto, xa son dous os investigadores de HISTAGRA que forman parte da RAG, xa que en 2006 foi elixido Ramón Villares Paz.