Conferencia do Profesor Carlos Closa sobre a memoria na UE

Os días 15 e 16 de setembro, o Profesor Carlos Closa participará en distintas actividades académicas en Santiago de Compostela, convidado polo Departamento de Historia Contemporánea e de América e o Proxecto ‘Nomes e Voces’.

O xoves día 15 ás 20.00 horas impartirá unha conferencia na Sede Fundación novacaixagalicia-Claudio Sanmartín (Rúa do Vilar, 19)  baixo o título de: “Demandas de reconocimiento: La UE y la memoria histórica”.

Ademais, está prevista a celebración dun Seminario o venres día 16 ás 11.00 horas na Facultade de Xeografía e Historia, a cargo do profesor Closa no que participarán o Grupo de investigación do CSIC “Laboratorio de Patrimonio”; o Grupo HISTAGRA do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Facultade de XªeHª; o equipo de Investigación do Proxecto Interuniversitario ‘Nomes e Voces’ e os membros do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC.

No traballo titulado Negotiating the past: claims for recognition and policies of memory in the EU, editado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en 2010 (Documento de trabajo [Instituo de Políticas y Bienes Públicos (IPP)] 2010-8), Carlos Closa reflexiona acerca das políticas de memoria na Unión Europea, cintando no mesmo en distintas ocasións, ao traballo desenvolvido polo Proxecto ‘Nomes e Voces’ en relación a este debate.

Carlos Closa (Consejo Superior de Investigaciones Científicas), é Doutor en Ciencia Política (Ph. D. in Politics) pola Universidad de Hull (Reino Unido) (1993) ; M.A. in European Integration and Cooperation (1990) na mesma universidade, Diplomado en Ciencia Política e Derecho Constitucional polo CEPC, Madrid (1988) e Licenciado en Sociología y CC Políticas, UCM 1987.