Meirás e o relato democrático

Meirás e o relato democrático

 

 

Irene Tomé Urresti

Xornalista, Investigadora de HISTAGRA e membro da CRMH da Coruña

 

En setembro de 2020 o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimaba a demanda do Estado que condenaba á familia Franco a devolver o pazo de Meirás ao público. Esta decisión foi tomada asumindo que o inmoble chegara á familia por medio dunha ‘venda simulada’ nun contexto de extorsión, represión e Guerra Civil. Este xesto significa tamén o inicio dun relato que fractura a falsa legalidade franquista, que é moi importante coñecer e recoñecer en democracia. 

 

Con esta premisa, dende a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña presentamos a exposición [Es] Pazo Meirás, en colaboración cos concellos da Coruña e Sada, e a Deputación da Coruña. A exposición [Es] Pazo Meirás é unha mostra gráfica que explica os diferentes usos do inmoble ata estar en mans de Franco, así como o proceso democrático de recuperación. 

 

Este proxecto levouse a cabo grazas á documentación do libro de Carlos Babío e Manuel Pérez: Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio; que foi sintetizada e elaborada por membros da CRMH, historiadores, arquitectos, xornalistas, estudantes, entre máis participantes, e impulsada por Fernando Souto, presidente de dita entidade. O nome [Es] Pazo Meirás recupera a idea da exposición anterior centrada na arquitectura dos anos trinta, Espazos Republicanos[1], ámbalas dúas levadas a cabo polo equipo de traballo da CRMH, no que cada vez participa máis xente nova que ve a necesidade imperiosa de mudar un relato que, aínda a día de hoxe, non é sinxelo de transmitir. E así se viu, por exemplo, na montaxe desta primeira exposición.

 

Durante dita montaxe, no centro do Obelisco, pasaron por diante persoas que se paraban a ler os contidos. As reaccións máis fortes, tanto negativas como positivas, atopábanse nas persoas de máis idade, que pasaban e proferían gritos dende que “todo era mentira”, que “a que viña agora esta exposición” ou ata que “que necesaria é e vou chamar á miña familia para que veña e coñeza o que pasou”, unha última afirmación que sintetiza o idea da importancia de recoller as voces silenciadas e que nunca formaron parte dun relato fóra do oficial. Se ben a exposición de Coruña deu que falar, cando estivo en Sada os paneis apareceron cortados, un vandalismo que pon de manifesto o grado actual de polarización da sociedade galega respecto ao seu pasado, así como a importancia de traballar e avanzar na difusión dun relato verdadeiro, democrático e do seu tempo. 

 

Foi a finais da Guerra Civil, que remataría cuns 5.000 asasinados, 1.600 condenados a caderna perpetua e milleiros de persoas represaliadas [2], cando as autoridades coruñesas viron a Franco como posible gañador, polo que buscaron unha maneira de que tivera unha residencia en Galicia. Por iso prepararon, coa conivencia do gobernador civil, Julio Muñoz, xunto con diferentes autoridades, como Alfonso Molina ou o vicepresidente do Banco Pastor, Pedro Barrié de la Maza, entre outros, dende a Junta Pro Pazo un documento que facía das Torres de Meirás, -que foran propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán[3]-, a residencia do Xefe do Estado.

 

A prensa galega apoiu fervorosamente esa idea de facer de Meirás o lugar ideal para o futuro Xefe do Estado dunha maneira moi concreta, resaltando a “doazón” cedida por un “pobo entusiasmado”. Ademais, os diarios máis importantes publican fotografías do pergamiño que conmemora o acto de ofrenda das Torres e que tamén estaría exposto nun comercio da Rúa Real para que as persoas que pasearan por alí viran sen problema ese documento que mostraba unha ‘doazón voluntaria’[4].

 

Dende o comezo da Guerra Civil o control da información foi constante debido á necesidade de lexitimar e institucionalizar a Ditadura. Mentres era inminente o triunfo das tropas franquistas, no ano 1938 empezaba a poñerse en marcha un organigrama informativo franquista, dependente do Ministerio da Gobernación, para controlar as comunicacións e que xustificaba a censura. A partir deste momento o xornalismo sería unha actividade ao servizo da Ditadura e, como tal, habería que controlala e vixiala, polo que entrará en vigor a Lei de Prensa de 1938, que exercía un gran poder intimidatorio sobre medios e profesionais, evitando que caeran no ‘servilismo’ da esquerda. 

 

Non houbo nin que agardar o remate da Guerra Civil para ver que o franquismo desexaba instaurar, a través dunha intensa fabricación historiográfica, unha nova idea de relato. Desde que se produce a declaración da vitoria dos golpistas na Guerra Civil, asistimos á invención dun ‘imaxinario oficial’, o da Nova España, que forma un relato da propaganda franquista difundido a través dos medios de comunicación de masas e baseado nun ‘triunfalismo’ dos vencedores e a resignación dos vencidos, cando non ‘demonizados’.

 

Neste punto é clave destacar a subordinación da prensa á autoridade do Estado, coa xustificación da censura previa e o castigo das desviacións de este modelo comunicativo que o réxime propón coa fin de crear e promover sentimentos dirixidos a unha poboación constantemente manipulada. É por isto que este tipo de exposicións adquiren tanta importancia: para que moitas persoas, moitas delas maiores e influenciadas polo relato que persistiu ata os anos setenta nos medios de comunicación, poidan reflexionar sobre un proceso de recuperación longo e que, ás veces, aparece fragmentado nos medios ou non chega a tódolos públicos. 

 

A recuperación de Meirás logrouse, na súa maior parte, grazas ao traballo da Xunta Pro Devolución do Pazo, na que colaboraron historiadores, universidades, concellos, institucións e xuristas que, ao contrario da Junta Pro Pazo, traballaban para a devolución deste inmoble ao Estado. Pero tamén foi un gran éxito da mobilización cidadá e así o destaca a xuíza Marta Canales: a recuperación de Meirás responde á necesidade imperante de botar luz sobre un relato histórico, xurídico e democrático. 


 

[1] Dende aquí se poden ver os paneis da Exposición ‘Espazos Republicanos’:  http://memoriadacoruna.com/exposicion-espazos-republicanos/  a [31/01/2020]. 

 

[2] Para coñecer máis sobre a represión en Galicia pódese consultar o Proxecto de Investigación “Nomes e Voces” dende: http://vitimas.nomesevoces.net/a [31/01/2020].

 

[3] Falecida Pardo Bazán en Madrid, en 1921, o pazo pasou a ser propiedade dos tres fillos: Jaime, Blanca (viúva do xeneral Cavalcanti, falecido en San Sebastián) e Carmen (viúva de Torres de Cela). Ao falecer Carmen en 1935 e Jaime, asasinado en Madrid en 1936, o pazo pasaría a ser propiedade de Blanca Quiroga e Manuela Esteban-Collantes, viúva do primoxénito Jaime. Estas últimas propietarias decidiron iniciar as negociacións coa Compañía de Jesús para que as Torres de Meirás foran destinadas a uso relixioso. Neste punto, foi cando a Junta Pro Pazo, promovida polo goberno civil, decidiu adquirilo para ‘doar’ ao futuro Xefe de Estado. 

 

[4] Pódese profundizar máis no concepto de Meirás e Discurso dende o recente artigo: Souto Suárez, Fernando; Tomé Urresti, Irene (13 de xaneiro 2020). “O pazo de Meirás, a ruptura da falsa legalidade do relato franquista”, Areal, Revista Cultural de Sada nº 21. Ver na versión web: https://www.areal.gal/2021/01/o-pazo-de-meiras-ruptura-da-falsa.html a [31 de xaneiro 2021].

 

Irene Tomé (A Coruña, 1985). Licenciada en Xornalismo (UPSA), Máster en Política y Democracia (UNED) e Máster en Edición Periodística (UDC). Na actualidade forma parte do Programa de Doutorado en Historia Contemporánea e investiga sobre o discurso na Ditadura, a negación do pasado liberal e republicano en Galicia (1936-1986) e a construción de “La Nueva España”. http://histagra.usc.es/gl/persoas/54/irene-tome-urresti