RURAL IMAXINADO. Abierto el plazo para participar

Hai tres anos en Lalín a rede ReVOLTA organizaba o seu primeiro encontro Rural Imaxinado, un espazo aberto ao debate no que diversas voces deron conta, a través da súa praxe, de diversas formas de vivir e pensar o rural. Daquela os eixos que guiaron as conversas foron os conceptos de comunidade, outras economías, subxectividades e resiliencia/innovación. Nesta ocasión propoñemos centrarnos na cuestión de abandono e volta.

Pensando historicamente o presente, dende a Historia rural tense afirmado que somos desertores do arado, que hai un progresivo abandono do rural o que implica unha perda innegable de poboación pero tamén de capacidades produtivas e de manexo do territorio. Cada vez hai menos labregas e labregos e o sector agrario ten minguado, mais fronte a este escenario de abandono hai experiencias e procesos de contra replica de volta ao rural; son moitas tamén as persoas que deciden voltar ao rural ou iniciar proxectos situados no rural que teñen que ver co tradicional sector agro-gandeiro ou con outras procesos non tan habituais caracterizados moitas veces pola innovación e a ollada ecolóxica.

A través deste encontro procuramos abrir ao debate cuestións como: E posible vivir no rural cunha renda económica axeitada? Cales son as dificultades para vivir na aldea? Como é a acollida ás novas persoas que deciden asentarse no rural? Temos capacidade de revertir procesos de abandono? Que papel xogan as administración? Que podemos facer dende o mundo universitario? Ou tamén por que voltar á aldea?

Este encontro aberto á participación fai esta chamada a persoas que se sintan apeladas por estas cuestións, non se trata dun espazo teórico, se non máis ben un lugar de debate a partir das propias experiencias vitais de moitas persoas que teñen vivido no rural e que imaxinan un rural facendoo.

A rede ReVOLTA de investigación en Agroecoloxía e Historia http://revolta.usc.es composta por oito grupos de investigación das universidades galegas abre este encontro á participación de facedores de experiencias innovadoras (culturais, sociais, económicas,…), investigadoras/es, activistas ou pensadores/as e interesadas/os en xeral que desexen participar no Encontro Rural Imaxinado que terá lugar en Vilar se Santos (Ourense) o 9 de novembro.


COMO PARTICIPAR NO ENCONTRO?

As/os autores ou colectivos que desexen facer unha unha proposta de presentación deben enviar un documento a rede.revolta@usc.es no que conste a seguinte información:

Título da presentación

Nome e apelidos do/s participante/s ou do colectivo, explotación, cooperativa…

Concello

Resumo da presentación (como máximo 300 palabras) ou vídeo, collage, fotos,... Valorarase moi positivamente formatos innovadores de presentación

 

A organización cubrirá os custes de desprazamento das presentacións seleccionadas.

O prazo para o envío de propostas de presentacións remata o 15 de outubro.

O comité organizador valorará a idoneidade das propostas e seleccionará aquelas máis axeitadas aos fins do encontro, esta selección farase pública o 26 de outubro.


COMITÉ ORGANIZADOR

Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea, HISTAGRA (USC).
Emilio Carral Vilariño, profesor da Área de Ecoloxía, GALABRA (USC).
Xoan Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas, GESPIC (USC).
Carmen Espido, profesora titular de Historia e Institucións Económicas, GESPIC (USC).
Xoan Carlos Carreira, profesor de Enxeñería Agroforestal,  GALABRA (USC, Lugo).
Eduardo Corbelle, profesor contratado de Enxeñería Agroforestal, LABORATE (USC, Lugo).
María do Mar Pérez Fra, profesora contratada doutora de Economía Aplicada , ECOAGRASOC (USC, Lugo).
Edelmiro López Iglesias, profesor titular de Economía Aplicada, ECOAGRASOC (USC, Lugo).
Xavier Simón, profesor titular de Economía Aplicada, GIEEAH (UVIGO).
Teresa Rodríguez, profesora titular de Zooloxía e Antropoloxía Física, AGRONOMÍA (USC, Lugo).
Fran Quiroga, xestor de I+D da rede ReVOLTA (USC).


MÁIS INFO

http://revolta.usc.es/es/
rede.revolta@usc.es

COLABORA:
Concello de Vilar de Santos


ADXUNTAMOS AS BASES DA CONVOCATORIA

Documents