Presentación do libro ‘Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo’, de Daniel Lanero Táboas

O  mércores, 27 de abril, ás 20.00 horas, o investigador Daniel Lanero Táboas, presentará o seu libro: Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo (tresCtres Editores, 2011).
No acto intervirán Ramón Villares Paz –catedrático de Hª Contemporánea da USC–, Lourenzo Fernández Prieto –catedrático de Hª Contemporánea da USC–, Víctor Manuel Santidrián Arias –Fundación 10 de marzo–, X. Amancio Liñares Giraut –director editorial de 3C3– e o propio autor.

O acto, organizado por 3C3 Editores e a Fundación 10 de marzo, terá lugar na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6. SANTIAGO).

Este libro, que recolle a Tese de Doutoramento do autor, estuda a situación dos labregos e da Galicia rural durante a ditadura franquista. Así, recorrendo ó sindicalismo vertical franquista como fío condutor, abórdanse asuntos como a destrución da sociedade civil rural e a desmobilización política dos campesiños, a construción polo franquismo dun consenso baseado na normalización dos comportamentos corruptos e clientelares ou a imposición no noso agro dun modelo produtivo alleo, cuestións estas das que aínda queda pegada na actualidade. O prólogo é un texto de Lourenzo Fernández Prieto.